"Os produtos entran na nosa cociña falándonos en galego"

O cociñeiro do Grove Javier Olleros e o promotor musical Kin Martínez protagonizan a segunda cita de En3vistas
2020071411225698154
photo_camera Javier Olleros (esquerda) falando con Kin Martínez, onte, diante do Mercado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Sobre a importancia do recoñecemento da identidade propia reflexionaron onte, na segunda cita do ciclo En3vistas do Concello de Pontevedra, o cociñeiro do Grove Javier Olleros e o promotor musical de Portas Kin Martínez. "Eu podo entender a lingua como unha pescada galega. Se desaparecera sería un drama, unha derrota terrible", dixo o cociñeiro, que reivindicou a conexión do seu restaurante, Culler de Pau (cunha estrela Michelin), coa terra. "Os produtos entran na nosa cociña falándonos en galego", dixo.

"De súpeto temos un valor engadido", engadiu Kin Martínez, director da produtora e empresa de representación artística Esmerarte, que leva, entre outros, a grupos como Vetusta Morla. "Estamos demostrando unha gran capacidade para poder facer as cousas dende aquí. Eu xa non sei se sabería vivir noutro lado e nin sequera se me apetece. O que me apetece moito é formar parte do que se pode facer aquí e proxectar cara fóra".

CALOR. Os dous homes xuntáronse onte diante do Mercado de Abastos, ás seis da tarde, nunha xornada de moita calor (algo máis de 33 graos había naquel momento), para falar en público da súa experiencia como galegofalantes. O ciclo En3vistas, organizada pola Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra, ten como obxectivo visibilizar entre a cidadanía a referentes de éxito nos seus ámbitos profesionais que usan o galego.

O cociñeiro e o promotor lembraron como a súa relación co idioma foi cambiando dende a infancia, cando o empregaban con normalidade no ámbito familiar, á madurez, pasando pola adolescencia, a etapa máis conflitiva. "Afortunadamente, hoxe ninguén se ri de ninguén por falar galego", dixo Kin Martínez, que lembrou a mala experiencia que para el supuxo entrar a estudar no IES Sánchez Cantón. "A pesar de que eu fun sempre algo rabudo, si que recoñezo que houbo unha etapa, na adolescencia, marcada polos complexos. Pero, fíxate, hoxe penso que todas aquelas inseguridades se transformaron despois en carácter e en personalidade".

Os dous protagonistas da conversa reflexionaron sobre como a súa relación co idioma se foi afianzando cos anos. "Hai moito desarraigamento absurdo que simplemente desaparece a nada que saias fóra e que viaxes", explicou Kin Martínez, que falou da súa experiencia de traballo en Latinoamérica. "Había que aproveitar máis toda aquela galeguidade. Tiñamos que aprender a vela en clave positiva. Sería moi importante que pensasemos no galego máis alá do local, dun xeito universal. Porque está a rede que teceron os xudeus por todo o mundo, si, pero os galegos tamén tecemos a nosa propia rede de xeito moi parecido".

Javier Olleros contou como o restaurante Culler de Pau naceu e se desenvolveu a partir dun compromiso persoal co seu lugar de orixe, O Grove, "case como unha cuestión de respecto e de sentido común; moitas veces simplemente se trata de deixar ás cousas fluir". Kin Martínez concordou. "Quizais había que quitarlle a todo isto tanta solemnidade, restarlle importancia e permitir que todo sucedese de forma máis natural". "Iso é", contestou Olleros. "Non é pouco poder ser o que eres neste mundo estandarizado onde che din que todo é igual. É unha trampa! Eu mesmo case caio. Ata que te decatas de que tes un compromiso e unha responsabilidade co que eres de verdade".

Sabela Ramil, de OT, falará con Patricia Hermida
O encontro de onte, entre Olleros e Martínez, era o segundo dun ciclo que abriron, o 10 de xullo, a actriz María Mera e a directora escénica Genna Baamonde. A iniciativa inclúe outras tres charlas.

- O venres 17 de xullo, no parque dos Gafos, ás 20.00 horas, a cantante que participou en Operación Triunfo Sabela Ramil conversará coa fundadora da Asociación Mulleres na Industria da Música, Patricia Hermida.

- O luns 20 de xullo, na avenida de Santa María, ás 20.00 horas, o atleta e medallista europeo Adrián Ben falará co xornalista deportivo Diego Espiño.

- E o venres 24 de xullo, na Ponte do Burgo, ás 20.00 horas, a cantante Cora Velasco manterá unha conversación co músico Marcelo DoBode.

Comentarios