Doble pase para o concerto de Carlos Núñez na igrexa parroquial

A programación de Bueu acolle música, cine e libros na recta final de xullo

Este mércores proxectarase o filme ‘'La oveja Shaun'’ na Praza Massó e haberá un taller de telearqueoloxía
Carlos Núñez ofrecerá un concerto esta fin de semana na igrexa de San Martiño
photo_camera Carlos Núñez ofrecerá un concerto esta fin de semana na igrexa de San Martiño

O Concello de Bueu continúa co ritmo intenso de actividades culturais, lúdicas e educativas na recta final do mes de xullo cunha programación variada na que hai cabida para todos os gustos e para persoas de todas as idades. 

Dentro do programa, na noite deste mércores a Praza Massó acollerá unha nova sesión de cine na rúa, na que se poderá ver a película ‘La oveja Shaun’, nunha única sesión, que comezará ás 22.30 horas. 

Por outra banda, no Museo Massó, entre as 16.00 e as 21.00 horas, celebrarase un obradoiro de investigación arqueolóxica e vídeo investigación, dirixido a un público xuvenil e adulto. O proxecto, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo poñer en valor un conxunto de traballos de investigación en formato audiovisual sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia de Pontevedra. O programa consta dunha conferencia a cargo de Adolfo Fernández Fernández sobre as factorías de sal romanas das Rías Baixas, que dará paso ao obradoiro de vídeo-creación, impartido por Producciones Mutantes. 

Este xoves na Libraría Miranda Olga Romay presenta Los hijos del senador’

Na xornada deste xoves, a Libraría Miranda volve organizar, ás 21.00 horas na sala Amalia Domínguez Búa, a presentación do máis recente libro de Olga Romay, ‘Los hijos del senador’

EMBARCACIÓNS. A Asociación Os Galos trae a Bueu, como cada ano, unha serie de embarcacións no marco co XX Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se celebra entre o 29 e o 31 de xullo. Con motivo deste encontro haberá visitas guiadas ao Museo Massó, unha exposición temática na sala Domínguez Búa e proxeccións de documentais, ademais de singraduras pola ría. 

O sábado terá lugar a benvida das embarcacións participantes, a recepción e acreditación de navegantes e as travesías de exhibición durante a tarde pola enseada de Bueu, en Lapamán. O domingo está previsto que as embarcacións visiten os pantaláns e realicen travesías polo mar. 

Continúan tamén os festivais organizados polas diversas asociacións da vila, no marco da II Semana do Folclore. A Praza Massó acolle o venres a partir das 22 horas o Festival Recordos e nel actuarán o Grupo de Danzas Veciños de Leira (Ordes), a Asociación Cultural Con De Xido (Cambados), e de Recordos da Nosa Terra, organizadores do evento. 

Pola súa banda, o Grupo de Gaitas Manxadoira organiza o sábado, ás 22.00 horas, tamén na Praza Massó, o Festival Alborada que contará coa actuación do grupo Güintervan. 

Estas actividades completan unha semana intensa na que, na xornada deste martes, celebrouse o Día dos Avós, cunha actividade intexeneracional no Centro de Día Anduriña, e unha merenda solidaria nas pistas da Banda do Río a favor da Asociación Contra o Cancro de Bueu, organizada polo Chef Internacional Alfonso Díaz. 

Pola noite, a Praza Massó acolleu o espectáculo de títeres ‘Titiricircus’.

Comentarios