Lores: "No próximo mandato imos repensar seriamente o transporte público"

 O modelo de cidade xa non é unha realidade só no centro, subliña Fernández Lores nunha conversa que toma o pulso municipal a un ano das eleccións e que pon sobre a mesa o saneamento da ría, a compostaxe ou a necesidade de mellorar o transporte público

Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

"NEGOCIAR, negociar e negociar ata a extenuación" é a fórmula que repite Fernández Lores para sacar adiante proxectos para Pontevedra. Contido, apelando á sensatez, entoa o "non á guerra" entre administracións e afronta a carreira electoral cara o seu sexto mandato con "máis ilusión e proxectos que nunca".

Que o levou a tomar a decisión de repetir como candidato á Alcaldía de Pontevedra nesta ocasión?
Nunca estiven nun momento tan bo. O noso proxecto de cidade está nun momento álxido e no próximo mandato temos que dar un paso adiante. Dixeramos no mandato anterior que iamos empezar a recibir retorno do traballo feito co modelo de cidade e xa está acontecendo. A proxección exterior cada vez é maior e iso tráenos retorno económico, turístico, de proxección da cidade e de internacionalización empresarial arredor do modelo urbano. Cumprimos esa parte do compromiso e agora, con todo o que temos en marcha, estamos en disposición de avanzar. E hai unha parte fundamental en todo isto, e é que eu teño ilusión. Síntome con forza, a cidade é un referente e ademais temos moitísimos proxectos en marcha. Temos que seguir.

Camiño do 2019, nestes vinte anos na primeira liña da política municipal, houbo algún momento de baixón?
Momentos de baixón témolos todos, pero importantes non. Neste último mandato precisamente tiven dúas cuestións especiais: unha persoal, que foi o nacemento da miña neta, que me fixo a persoa máis feliz do mundo, e outra a nivel político, que foi a constatación de que estamos facendo algo ben e que iso é bo para a cidade. Incluso máis do que poderiamos agardar. E estou seguro de que podemos avanzar, porque todo isto construímolo entre todos os pontevedreses. A xente ás veces ten medo ós cambios, pero en Pontevedra temos unha xente moi participativa á que se lle explicas ben as cousas aposta por elas.

Nunca me preocupou ter maioría absoluta. Agora vexo un bo ambiente, pero non sei que posibilidades temos

Soñou algunha vez cunha maioría absoluta? Ve esa posibilidade?
Eu non sei cales son as posibilidades. Vexo un bo ambiente e despois xa veremos. De todas maneiras, se non se consegue non pasa absolutamente nada. Negociar ten cousas moi positivas, e outras máis negativas porque ás veces vas máis lento. Nunca me preocupou ter maioría absoluta. O único problema de non tela é a operatividade en determinados momentos. Complica un pouco ter as mans máis atadas, pero tampouco está mal porque ó final todos podemos equivocarnos. Negociar, negociar e negociar ata a extenuación é positivo.

Unha maioría absoluta permitiríalle gobernar de maneira máis cómoda.
Si, pero tamén ten máis perigos por non escoitar ou equivocarse. Se se dera o caso, unha cuestión fundamental sería retomar cada certo tempo as propostas e escoitar por fóra para non perder o sentido da realidade.

Un dos temas con máis confrontación deste mandato está a ser a compostaxe. Pode pasarlle factura nas eleccións municipais?
Non. Para nada. No tema da compostaxe estamos facendo o que se lexislou que se fixera. Estou convencido de que ou empezas xa a facelo ou é imposible cumprir os prazos. O raro é que o que lexislou, que foi o PP, está en contra do que lexislou. Nós estamos facendo o que é racional, conveniente desde o punto de vista ambiental e o que está lexislado. Alá cada un que explique por que aproba unha cousa e logo intenta que non se faga. Fíxate se vai ben que estamos pechando composteiros porque hai unha achega catro veces superior á prevista. Iso que son, firmas ou confirmas? A xente quere compostar. Demándannos máis composteiros, pero mentres non teñamos máis persoal non podemos poñer máis.

Falta pedagoxía neste tema?
Sempre falta pedagoxía, pero creo que a oposición que hai non ten que ver coa pedagoxía. É unha oposición clara e maioritariamente política. A nosa previsión era que se puidera ir máis rápido. Nalgún momento houbo algúns carabullos por aí, porque non nos aprobaron unha modifi cación de crédito, logo presentáronnos un recurso contra os composteiros individuais, etc. Hai que xestionar as cousas, facer as contratacións e formar persoal. Agora mesmo hai demanda de composteiros e non podemos poñelos porque non temos garantía de que non xere algún problema. Preferimos ser máis prudentes.

Nunca se considerou un pacto político arredor deste asunto?
Isto xa partiu do mandato anterior. Os socios de Goberno chamáronnos traidores porque apostamos pola compostaxe. Hai certas cuestións que deberían trascender ós posicionamentos políticos. Podemos discutir cuestións testadas en todos os lados ou podemos intentar avanzar.

Pareceríame unha falta de respecto que Infraestruturas non se reúna con nós para organizar o transporte

Unha cidade pensada para as persoas, unha cidade sen coches, por que non aposta por un transporte público urbano?
Hai un transporte urbano público que é interurbano. Se veño de Portonovo, O Grove, Sanxenxo ou Poio paro en San Roque, sigo ata a estación de autobuses e de aí vou a Montecelo. Iso funciona como transporte urbano. A lexislación autonómica galega vixente di que o transporte público hai que resolvelo se é posible con transporte interurbano. É a mellor opción. A xente que vén de fóra aquí dependerá dun número de liñas, dunha serie de cousas que xa non dependen do Concello.

Pero, dá por bo o que hai?
Non. En todo caso, aspiro a reconsiderar todo isto pero sentado nunha mesa. Cando estiven con Feijóo falamos deste tema, dixémoslle que isto é un tema complicado, porque hai moitos autobuses dando voltas por aí que non levan a ninguén e iso ten un custe social de ‘mil pares de narices’. Nós estamos considerando o transporte a demanda, aínda non atopamos a mellor maneira. O que non vale é que chegue a conselleira e presente un papel que di "tes que pagar 300.000 euros". Cales son os buses que teño que pagar eu? Nós temos o 37% de representación no plan presentado pola Xunta pero pagamos o 71%.

Fala de reunirse coa Consellería de Infraestruturas?
Eu incluso tomaría como unha falta de respecto que non o fi xera. A conselleira estivo en Moraña, en Sanxenxo... pero con nós non se reuniu para nada. Chamounos para unha reunión na que estabamos todos e díxome: "Tes que poñer tanto". Ti ves que a Marín lle toca pagar 50.000, e a nós 300.000. Por que? O que negamos rotundamente é que aquí non haxa transporte urbano, porque o hai. E ademais temos unha experiencia moi boa en Monte Porreiro. Non aumentamos o número de persoas que utiliza o transporte público, pero si aumentamos o número de viaxes que esas persoas fan en transporte público. E en Monte Porreiro cando se usa de maneira regular baixa de 0,50. É o máis barato de toda Galicia. Por iso digo que hai que sentarse a negociar e chegar a acordos, porque estamos falando dos cartos de todos os cidadáns.

Este asunto está na súa axenda?
Claro. E no próximo mandato estará repensar seriamente este tema do transporte, pero aí temos que ser dous os que o queiramos facer. Imos sentarnos a falar e ter as reunións que fagan falta e probablemente chegaremos a acordos sempre que non se utilice o transporte como arma para atacar. Estou plenamente convencido de que falando se entende a xente, sei que ás veces temos que tragar con certas cousas, pero sempre en benefi cio da comunidade. E a comunidade é os que van en transporte público e os que non.

Comentarios