O PSOE reclama unha nova licitación que dea impulso ao Gran Montecelo

Paloma Castro insta á Xunta a que acade unha modificación que faga viable a execución das obras canto antes
photo_camera Unha das infografías que recrean o futuro Hospital de Montecelo. DP

A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que materialice unha nova licitación das obras do Hospital Gran Montecelo antes de que remate o 2020. A responsable socialista quere que a Xunta se dirixa á empresa encargada do proxecto para que modifique as cuestións que fan inviable a execución das obras, segundo os construtores.

Castro lembra que tan só unha empresa se ten presentado ao concurso de licitación que a Xunta abriu este mesmo mes de abril, e que tivo que ser ampliado ata o 13 de xullo por petición dos construtores.

A parlamentaria pontevedresa engade que os propios representantes da Federación Galega de Construción e a Asociación de Construtores de Pontevedra lle teñen solicitado á Xunta que revisen o proxecto licitado, xa que "consideran que hai cuestións que fan inviable a execución das obras".

A Xunta xustificara previamente a ausencia de concorrentes en que se trata dunha situación anómala e que é necesario reiniciar o procedemento para garantir a viabilidade da actuación e asegurar que a ampliación do Hospital de Pontevedra se realizaría dentro do prazo e sen incidencias.

A ampliación conta cun investimento estimado de 114,6 millóns de euros para construír un novo edificio que, segundo o proxecto, virá a duplicar a superficie do actual complexo sanitario de Pontevedra, "dotando á área sanitaria dun hospital único unha década despois de que o goberno da Xunta de Galicia prometera dotar á cidade do Lérez dun equipamento deste tipo".

A necesidade de ampliar a infraestrutura hospitalaria é imperiosa despois do visto na crise do coronavirus.

Comentarios