Blog | Non tes tu fe

Queridísimos Reis Magos

Gaspar e Lores saúdanse na véspera de Reis do pasado mes de xaneiro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Gaspar e Lores saúdanse na véspera de Reis do pasado mes de xaneiro. GONZALO GARCÍA

QUERIDÍSIMOS REIS Magos, estimadísimo Apalpador, admirado Papá Noel: chegan estas datas e trato de poñer as ideas claras á hora de escribirvos unha carta. Ben, digo carta por non dicir unha lista de desexos. Pásame como a eses cativos que empezan a recortar xoguetes dos catálogos como se as tesoiras tiveran vida propia e despois non hai folio que chegue para pegar tanta petición. Non vos asustedes, non tedes que traer todo. Hai moitos rapaces no mundo e o peto non se estira ata o infinito. Pero non digades que non tedes onde elixir.

Coa vosa billeteira ocorre algo semellante ao orzamento que manexan os nosos gobernantes. Quen di municipal di autonómico ou xeral. Ao fin e ao cabo, os cartiños saen da mesma faldriqueira, non é? Somos tantos a reclamar, que non pode chegar para todos. Así que tampouco vos pasedes. Que despois de arrincar os envurullos de agasallo e de encher os colectores de papeis e cartóns (nos azuis, por favor), a rapazada xa non sabe a que atender. As casas énchense de xoguetes e trebellos que ao medio minuto fican esquecidos nalgún curruncho. Hai quen ten a previsión de aconsellarvos mesura ou quen opta por ir escalonando a entrega. Porque a que rapaz non lle faría ilusión recibir un agasallo, digamos, a mediados de febreiro? Ou quizais nas vacacións de Semana Santa?

A que rapaz non lle faría ilusión un agasallo en abril ou maio?

Si, parece unha boa idea. Unha grata sorpresa aló a mediados de abril. Ou case mellor a principios de maio. Pero tampouco vos despistedes, que se vos acorda pola volta das Letras Galegas ides ter uns serios competidores na loita por ver quen fai que máis desexos se acaben cumprindo.

Porque se o Nadal é unha época máxica, por aquilo de que vides visitarnos a grandes e pequenos (dá igual que cheguedes en camelo, a pé ou en zorra –que si, que en galego dise así trineo–), non imaxinades a ilusión que nos fai cando se achega a festa da democracia: as eleccións.

Sabedes por que? Porque entón non fai falta nin escribir a carta. Dánnolo todo feito. Por exemplo: os veciños de Pontevedra levabamos dez anos, máis ou menos, reclamando que un inmoble que ten a Xunta na rúa Benito Corbal fora rehabilitado para podelo dedicar a menesteres máis importantes que estar apodrecendo sen uso. Pois sabedes que? En abril estará listo. Mesmo teremos tamén un novo edificio xudicial. Só faltaría un espazo para aparcar por esa zona. Non o vou dicir moi alto, pero igual ata xa está falado.

A rapazada tamén botaba en falta un parque infantil moito máis chulo que algúns que hai na cidade. Que o de Barcelos non está mal, pero imaxinades un deses cun enorme tobogán con tubos polos que escorregar alegremente? Pois se non fallan as previsións tamén o teremos, en Campolongo. Igual que unha praza moito máis chula na Cruz Vermella, que así dá gusto ir ao colexio. Tamén!

Que máis? Pois íavos pedir que se mellorara o tramo pendente de Benito Corbal, ou rúas como Lepanto e Rouco, pero creo que está todo pensado, igual que a remodelación da ponte do Burgo.

Pero sabedes que? Non vos preocupedes, que sen traballo non quedades. Ide apuntando porque aínda podedes botar unha man se queredes. Porque á rapazada de Médico Ballina támen lle gustaría un parque para xogar e á veciñanza de Mollavao vivir nun barrio tan chulo como os que teñen a escasos metros. Igual ata podedes interceder para que alguén reabra o asilo de anciáns. E que me dicides do paseo peonil a Marín ou da reforma da estación de autobuses? Son só ideas, pero podedes facelas vosas sen vergoña.

Comentarios