A RAG chama a estender o galego fóra das aulas para non relegalo "ao museo"

 Máis de 3.800 alumnos de 10 institutos enrólanse no reto 21 Días co Galego. Non usarán outras linguas ata o vindeiro 2 de febreiro ► O IES de Vilalonga, IES de Poio e IES Illa de Ons participan na iniciativa da Xunta
Presentación do programa no IES Xelmírez de Santiago. EP
photo_camera Presentación do programa no IES Xelmírez de Santiago. EP

A segunda edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e + botou a andar este luns coa fin de favorecer que máis adolescentes utilicen a diario o galego, perfeccionando o seu uso tanto dentro como fóra das aulas. A iniciativa presentárona este luns nun instituto de Santiago o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, e a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte.

"A lingua está viva e ten unha utilidade obxectiva", remarcou o representante da RAG, que apelou á necesidade de "crear espazos de relación e descubrimento da vida", evitando "limitarse" a que o galego sexa só "esa materia que hai que estudar".  Partidario de impulsar a lingua en esferas como as novas tecnoloxías, o consumo ou "os modelos urbanos", Freixanes avisou de que se o uso do idioma non se normaliza e estende a todas as facetas da vida cotiá quedará relegado "a unha cousa museística".

E é que a lingua atópase nun momento insólito, pois ao tempo que o coñecemento por parte da sociedade atópase no seu maior nivel, tamén é cada vez máis intensa a caída no uso por parte dos mozos máis preparados para utilizalo. O propio Consello de Europa avisou recentemente aos poderes públicos do retroceso no emprego da lingua nos centros educativos, chamando á Xunta a tombar as barreiras para impartir docencia en galego.

Neste senso, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu en que o nivel de competencias está "en cifras históricas", para logo recoñecer que falla que os mozos sigan expresándose en galego "cando saen das aulas". "É aí onde temos que traballar, crear ámbitos de uso favorables", insistíu García, quen sinalou que a crecente urbanización da poboación "xoga en contra" do idioma.

504 Horas. Neste senso, o programa 21 Días co Galego e + busca incentivar e promover os espazos de uso da lingua. Nesta segunda edición, os centros participantes pasan de catro a dez e o alumnado aumenta dende os 1.316 da anterior edición ata os 3.877 inscritos con entre 12 e 18 anos. Estes asumen o compromiso de falar só en galego dende este luns ata o vindeiro 2 de febreiro.

A iniciativa, que engloba a 305 profesores, abarca o IES de Vilalonga, o IES de Poio e o IES Illa de Ons. Un blog irá recollendo os retos e gravacións individuais dos rapaces, uns desafíos que tamén comprometerá ás súas familias.

Comentarios