A Rapa aloita para encher despensas

Doa 1.750 euros do último curro para o Banco de alimentos ►A cita grávase por vez primeira dende a perspectiva dun aloitador

Rapa das Bestas de Sabucedo. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Rapa das Bestas de Sabucedo. PATRICIA FIGUEIRAS

O Raio, garañón que foi aloitado por primeira vez o pasado domingo, volveu deixar o luns a súa pegada en Sabucedo. A terceira e última rapa desta edición comezou con corenta minutos de retraso porque o animal, facendo honra ó seu nome, escapou no momento no que as bestas eran conducidas ó curro. Nas gradas, menos ateigadas que na fin de semana, o público agardaba baixo un sol de xustiza. A temperatura, máis elevada que en xornadas anteriores, influeu nos animais, que se amosaron máis tranquilos que en días pasados. Aínda así, Sabucedo non defraudou e, unha vez apresado o fuxitivo, houbo espectáculo.

Como novidade, a rapa foi gravada dende a perspectiva dun aloitador. Un deles portou unha especie de casco na cabeza cunha cámara mentras se celebrou a loita, coma cada luns da Rapa, con fins solidarios. Parte da recadación pola venda de entradas (nesta última xornada, a un prezo de cinco euros e libre para os nenos) foi entregada ó Banco de Alimentos de Pontevedra. O seu responsable, José Luis Doval, e outro membro da entidade recolleron o cheque de 1.750 euros nun acto simbólico no que participaron tamén o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Henrique Bazal, e o alcalde da Estrada, José López.

Entrega do chegue ó Banco de Alimentos de Pontevedra. PATRICIA FIGUEIRAS

Entre os espectadores estiveron outros representantes políticos, coma o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; ou o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Percorrendo as gradas durante boa parte do curro andou tamén un simpático personaxe que, utilizando unha sacha como pau de "selfie", co móbil suxeito na pa de ferro, fotografouse con todo aquel que se prestou para a broma.

Na area, a nobre refrega entre besta e humano volveu deixar estampas para non esquecer, coma a valentía dunha muller que se atreveu a aloitar por primera vez a un dos animais. Tampouco na derradeira xornada da Rapa 2019 faltaron os golpes e as contusións. Un rapaz tivo que ser sacado en brazos logo de recibir unha pisada dunha besta, aínda que o susto non tivo consecuencias graves.

Rapa das Bestas de Sabucedo. PATRICIA FIGUEIRAS

GPS E SOLTA. Aproveitando que os animais estaban reunidos no curro, a organización colocoulle a once bestas e a un cabalo colares con GPS incorporado para continuar facéndolle o seguemento ás greas no monte, dentro dun innovador proxecto posto en marcha en colaboración coa Universidade da Coruña, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a empresa 3EDATA.

Coa solta das bestas, a última hora da tarde, a festa baixou o pano ata a primeira fin de semana de xullo de 2020. Minutos antes de darlle liberdade ós animais ata o próximo ano, o presidente da Asociación amosábase "satisfeito" desta última edición.

Comentarios