Etiqueta Negra

O Recinto Feiral vístese de etiqueta

Este sábado abriu as súas portas a feira do gourmet galego Etiqueta Negra, un punto de encontro para produtores e consumidores no que a materia prima galega de máxima calidade é a protagonista
A tercera edición do evento reuníu a máis de 8.000 persoas interesadas nos produtos delicatessen. GONZALO GARCÍA
photo_camera A tercera edición do evento reuníu a máis de 8.000 persoas interesadas nos produtos delicatessen. GONZALO GARCÍA

A cuarta edición da feira do gourmet galego Etiqueta Negra foi inaugurada na mañá deste sábado con máis dun cento de expositores. Ata o luns, profesionais e consumidores daranse cita no pazo de exposicións pontevedrés para coñecer produtos galegos de calidade e asistir a actividades formativas. O espazo abrirá os tres días ininterrompidamente de 11.00 a 21.00 horas, agás o luns -tamén aberto ao público xeral- que pechará ás 20.00 horas.

PROGRAMACIÓN DO SÁBADO

Ás 11.30 horas celebrouse o acto de inauguración e o taller de 'Gyozas, empanadillas asiáticas con ingredientes de aquí', a cargo de Lili Wo no Espazo Etiqueta. Ás 12.00 horas desenvolveuse o 'Showcooking máis doce do Atlántico', a cargo de Mel de Galicia e Lara del Río (Balieiros) no Anfiteatro Estrella Galicia e, ao seu remate (13.30 h), Dani Pampín tomará o relevo para falar do seu proxecto de panadería artesá ‘Amásame Bakery Lab’. Paralelamente, no Espazo Etiqueta, Lidia Folgar ofrecerá o curso ‘Sei o que como’, no que explicará como interpretar as etiquetas dos alimentos para facer unha compra máis saudable e consciente.

Unha hora máis tarde, o chef Gerson Iglesias ofrecerá un curso sobre a dieta atlántica e elaborará un menú de dous pratos consistente en xarda mariñada e chimichurri de algas, e magret curado, ovo escalfado, castañas e queixo curado. Pola súa banda, tamén no Espazo Etiqueta, Uxío Alho falará dos segredos para cocer o mexillón (15.30 h); Laura Rial (16.45 h.) abordará a cociña intelixente con superalimentos e Lili Wo (18.00 h.) dirixirá un taller de ‘futomaki’ —rolos de shushi—. A esta mesma hora, Carmen Salinero, da Estación Fitopatolóxica do Areerio dirixirá unha sesión de té na tetería da Deputación de Pontevedra.

O chef Pepe Solla ofrecerá hoxe un showcooking sobre diferentes formas de tratar o peixe e Iñaki Bretal centrarase nas ostras

Os grelos serán os protagonistas do showcooking de José Manuel Mallón (17.00 h. Anfiteatro Estrella Galicia). Tras el, Pepe Solla abordará na súa ponencia ‘Pescado baixo a pel’ diferentes formas de tratar e cociñar o peixe aproveitando todo del e, a continuación, Iñaki Bretal centrarase nas ostras na súa exhibición de cociña. A xornada rematará no Espazo Etiqueta coa degustación ‘Souto da Trabe con maridaxe de Adegas Xangall’, a cargo de Rocío Garrido (20.00 h.).

PROGRAMACIÓN DO DOMINGO

A blogueira Lady Compostela abrirá a xornada dominical cun taller de cociña saudable no que os asistentes aprenderán a preparar hummus caseiros, ensalada de lentellas con queixo feta, hamburguesa de garavanzos ao curry ou garavanzos especiados ao forno como forma de picoteo saudable. (11.30 h.). A cita para os amantes do café será ás 12.00 h. no Anfiteatro Estrella Galicia. Alí, Gonzalo Rodríguez dirixirá o ‘coffeecooking Esperta!’ e, ao seu remate, Moisés Rodríguez encargarse do showcooking ‘Estache bo! Unha cociña saudable para gozar’.

Ás 13.30 h., no Espazo Etiqueta, Oliver Fernández ofrecerá a degustación ‘Aeiroá’, unha hora máis tarde será a proba das Xacobleas e a mañá pecharase coa degustación da gandería Balín, tamén por Oliver Fernández. Lady Compostela abrirá a programación da tarde co seu taller de snacks saudables, dirixido tanto a deportistas como a persoas que queiran optar por opcións máis saudables nas súas merendas; prepararanse diferentes aperitivos como boliñas de dátiles, galletas de avea e plátano, rochas de améndoa e chocolate ou pudin de chía con froita de temporada. Ás 17.00 horas, no Anfiteatro Estrella Galicia, o chef Rubén González explicará o proceso de elaboración e os compoñentes imprescindibles de diferentes tapas creativas e de autor para que sexan clave de éxito.

Ao seu remate, a parella leonesa formada por Yolanda León e Juanjo López, realizarán un menú no que as setas serán as protagonistas. Pola súa banda, no Espazo Etiqueta, o mestre panadeiro Dani Pampín guiará un taller para aprender a elaborar, conservar e usar masa nai (18.30 h.) e outro sobre técnicas de amasado e formado de pan (19.45 h.). A xornada dominical rematará coa presentación de Iván Domínguez titulada ‘NaDo na Galicia Atlántica’ (20.00 horas. Anfiteatro Estrella Galicia).

PROGRAMACIÓN DO LUNS

Malia que para a última xornada da feira resérvanse ás principais actividades dirixidas a profesionais, o acceso ao recinto permanecerá aberto igualmente para o público xeral. Deste xeito, os visitantes poderán presenciar a proposta do CIFP Carlos Oroza, na que alumnos de tódolos ciclos formativos do centro realizarán un percorrido virtual e gastronómico por varios lugares da cidade. (11.30 h. Anfiteatro Estrella Galicia. Aforo limitado).

Estrella Galicia, patrocinador principal de Etiqueta Negra, colaborará na cata da sidra ecolóxica Meaeloc (impartida por Sonia París, de Custom Drinks) na do Vermut Rivera (co wine ambassador Ramón Fontenla) así como nunha Viaxe Cervexeira da man de Xabier Cubillo (de Cultura de Cerveza Hijos de Rivera). Estas actividades están reservadas aos profesionais da hostalería e comezarán ás 11.30 horas. Para o luns, tamén está prevista a cata ‘Pracer by 1906’ na que Javier Freijeiro e Moncho Bargo (do restaurante coruñés Pracer), acompañados por Xabier Cubillo (Cultura de Cerveza Hijos de Rivera), levarán a cabo a maridaxe máis gamberra coa familia de cervexas 1906. Croqueta chilli crab; orella, cogomelos e berberecho de Noia; e Morro & Cogollo son as tres elaboracións que propoñen para cada unha das cervexas da familia.

Este actividade terá unha capacidade de 90 persoas. O coruñés afincado en Barcelona Manu Núñez (Arume) continuará o programa vespertino cunha reinterpretación escandinava do produto galego, combinando sabores dende unha perspectiva diferente (17.00 horas). Ás 17.45 horas, no Espazo Etiqueta, terá lugar a degustación ‘O requeixo na cociña actual’ protagonizada por Fran Sotelino (Bluemoom Gastro), Gelo Martínez e Víctor (Xanela Gastronómica), Adrián Albino (Niño Corvo), Alejandro Martínez (Requeixo e mel das Neves). Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, de NOVA, porán o broche de ouro cun showcooking sobre a pularda criada en avicultura artesanal (18.30 h).

A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga, desenvolverá, ás 18.45 horas, un curso de atención a clientes con diversidade sensorial impartido por Raquel González.

Prezo especial para os tres días
A entrada o Recinto feiral terá un prezo de 3€ por día pero é posible mercar un abono para as tres xornadas que custa 8€. Para participar nos talleres formativos e nas exibicións de cociña é preciso inscribirse con anterioridade. As actividades de pago teñen un custo de 12 euros, e pódese xestionar a inscrición na web de Etiqueta Negra, mentres que para participar nas de balde pódese anotar no propio espazo dende unha hora antes do inicio.

ORGANIZACIÓN
Etiqueta Negra está impulsada pola concellaría de Promoción Económica e conta por primeira vez co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, Deputación de Pontevedra, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, tamén colaboran nesta cuarta edición Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen In.

Comentarios