Reconocimiento especial al talento pontevedrés

A asociación Paideia levou a cabo o Demoday, no que o traballo e o esforzo emprendedor da cidade de Pontevedra tiveron un especial protagonismo grazas á intervención de persoas como Nelson Quinteiro, Manuel Villar ou Sandra Méndez
Nelson Quinteiro
photo_camera Nelson Quinteiro

A cultura e o emprendemento son dous factores que poden e deben ir da man, algo que quedou totalmente patente na xornada do Demoday, que está financiado pola fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial. O lugar escollido para celebralo foi a Sala Smart Money Stars do Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela durante o pasado 30 de setembro. Alí puidéronse escoitar as explicacións sobre trece proxectos culturais e creativos. A única condición dos participantes para poder levar a cabo estes coloquios era estar inscritos no curso de formación en industrias culturais e creativas que se desenvolve na Escravitude, en Padrón. A entrada de acceso ó Demoday foi totalmente gratuíta e a súa finalidade consistía en xerar un dobre apoio: por un lado impulsar o sector emprendedor en xeral e, por outro, beneficar ó sector das industrias culturais. Será no mes de xaneiro cando comece de novo un segundo taller formativo neste ámbito e que tamén se desenvolverá na sede da Fundación Paideia, na Escravitude.

Das máis de trece persoas que presentaron os seus proxectos no Demoday, atópanse tres que pertencen á comarca de Pontevedra, ós seus arredores ou que se atopan en concellos da provincia. En concreto, trátase de Nelson Quinteiro, de Poio; de Manuel Villar, de Valga, e de Sandra Méndez, de Vilagarcía. Todos eles foron algúns dos seleccionados para levar a cabo estes coloquios, premiando así a calidade do seu traballo ou das súas propostas . Estes labores fixéronos ante un público que estaba conformado por responsables políticos de nivel local, xestores culturais e empresas dedicadas ó sector da cultura en xeral.

POIO. Nelson Quinteiro é unha persoa polifacética de Poio, posto que destaca por ser cantante, actor, bailarín, escritor, produtor e director de escena. É recoñecido como o embaixador do cabaré nesta comunidade autónoma, de feito, foi no ano 2006 cando creou o denominado Festival de Cabaret Galego. Quinteiro explica o seu paso polo Demoday, contando que isto se debeu a que durante uns meses participaran no programa pioneiro ‘go2work’, que estaba dirixido a empresas culturais que queren adaptarse ás novas tendencias ou condicións do mercado cultural: «Houbo unha selección de 20 proxectos e entre eles escolléronme a min. Dentro dese programa tivemos que desenvolver un proxecto empresarial e eu presentei o meu: Nelson Quinteiro Producciones, que é unha organización de creación cultural e programación a medida. No Demoday expliquei a miña traxectoria, 15 anos dedicados integramente e profesionalmente ás artes escénicas».

Quinteiro é un referente galego dentro do mundo teatral, un profesional que leva a cabo espectáculos que nunca deixan indiferente a ninguén. El emociona, proporciona un punto de vista onírico, engade surrealismo e celebra a vida. Dispón de diferentes shows e así logra poder dirixirse a todo tipo de públicos, xa que teñen propostas específicas para os máis pequenos con dinamización comercial ou teatro, só para adultos, espectáculos de música... En todos eles fusiona o tradicional ou o vintage coas novas tendencias: «A liña xeral é un pouco a vangarda, tanto histórica como de principios do século XX».

Ademais de ser un grande artista, tamén conta co libro ‘Pequeno Manual das Artes Perversas’, que consiste nun tratado de cabaré contemporáneo: «Cales son as súas claves, como se pode levar a cabo e construír un personaxe, como conseguir a actitude, a fala... Aínda que existen referencias históricas, sobre todo fálase do que é o cabaré hoxe en día, cal é o seu papel actual».

Nelson Quinteiro Producciones é unha empresa que non traballa unicamente en Galicia, senón que tamén se despraza por outros lugares de España. Un exemplo disto é a participación no Festival Cabaret Flotante de Madrid, o que, en palabras do artista, foi «unha experiencia fantástica, algo que viven moitísimo o usuario e o espectador. En realidade foi marabilloso, eramos 500 persoas vestidas de principios do século XX, subidos en barca, cunha selección de música de primeira altura... Alí presentábase xente do swing, de lindy hop, do cabaret... é unha pasada de proxecto». Recentemente, tamén estivo en Cartaxena dinamizando unha feira modernista. Asemade, Quinteiro tamén profundiza nunha faceta pedagóxica ou educativa a través dos diversos talleres que imparte. Actualmente está realizando obradoiros semanais na Casa Azul, que están dirixidos a todo o público maior de idade que desexe coñecer o entrenamento do cabaré e, para iso, inclúe as partes física, coreográfica e interpretativa: «É para todos os que teñan gañas de gozar e de mover o esqueleto, de poñerse en forma e aprender».

VALGA. Manuel Villar, director da Escola e Banda de Música Municipal de Valga, presentou no Demoday un proxecto no que priman factores como a educación e a divulgación, sempre unidas ó ámbito musical. Isto conségueo grazas ás empresas Serviprod Galicia e Anbraser Producións, que están localizadas en Valga e en Padrón. A pesar de que as organizacións pertencen a diferentes lugares, estas forman parte da mesma raíz: «Como traballamos con diferentes concellos, coas deputacións de Pontevedra e da Coruña ou coa Xunta, contamos con dúas matrices localizadas neses lugares». O proxecto de Villar consiste nunha organización de servizos e producións que ataca varios entes: primeiramente o educativo, xa que traballa no ámbito das escolas de música; pero tamén no ámbito de promoción, posto que conta con agrupacións propias que traballan dentro da mesma empresa, e tamén está relacionado cos deseños de festivais, eventos ou certames. Por todo isto, tanto Serviprod Galicia como Anbraser Producións están afeitas a colaborar con músicos profesionais e con escolas de música: «Damos servizo a conferencias nas universidades en varios tipos de exposicións con relación á educación sonora e tamén promovemos campamentos musicais de verán».

Unha proba que mostra o seu gran traballo é que no concello de Rois, da Coruña, xa levan dous anos organizando o festival Rois Arrasa, no que o rock é o protagonista indiscutible: «É un certame de verán no que participan diversos grupos e no que contamos coa colaboración da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia». Este ano o espectáculo tivo lugar o 22 de xullo coa colaboración das bandas Foxy Freire, Biribirlocke e The Cerne, todas elas galegas.

VILAGARCÍA. Do concello de Vilagarcía é natural Sandra Méndez, unha moza graduada en Comunicación Audiovisual. Ó igual cós seus compañeiros, estivo inscrita no curso de formación en industrias culturais e creativas da Escravitude e, despois, foi seleccionada para formar parte da xornada do Demoday, onde explicou o seu proxecto innovador.

A súa proposta, denominada como Rural Film Comission, consiste nunha entidade que se dedica a promocionar o medio rural a través da difusión de contidos culturais. É dicir, trátase de promover «a materia prima galega grazas á organización de festivais, concertos de música...». En definitiva, serían eventos culturais para atraer á xente das cidades a visitar esas zonas e así poder dinamizar as áreas máis rústicas nas que, polo xeral, non adoitan existir este tipo de contidos. Méndez reitera que «a proposta é esa: organizar contidos en lugares non urbanos, e para iso contaría coa participación de axentes do sector, con outras entidades e administracións públicas. Buscaríase a mellor fórmula para realizar actos culturais que estivesen relacionados coa contorna e sempre baixo os principios de sostibilidade ambiental e reciclaxe». De momento trátase tan só dun proxecto, pero Méndez destaca que a súa idea é levalo a cabo xunto a algúns amigos e compañeiros.

Outros temas que tamén se trataron o 30 de setembro foron a ‘Reutilización das políticas culturais no territorio’, os ‘Encontros innovadores de fotografía’, o ‘Management e a asistencia artística de calidade’ ou os ‘Servizos de comunicación especializados en turismo cultural’, entre moitos outros.

Comentarios