'Recunchiños de Sabucedo' recupera o pasado da aldea

Unha muller desta parroquia estradense entendeu que, con motivo do confinamento, os veciños poderían buscar vellas instantáneas
Xuntanza festiva na parroquia estradense de Sabucedo. CEDIDA
photo_camera Xuntanza festiva na parroquia estradense. CEDIDA

O proxecto Recunchiños de Sabucedo, un espazo en Facebook impulsado pola veciña Sheila Míguez Carracedo sobre diversos aspectos desta parroquia que vaian máis alá da coñecida Rapa das Bestas, está a recuperar a memoria, o pasado e a historia desta aldea cunha recopilación de fotografías antigas aportadas pola veciñanza e que se comparten, con moito éxito, nesta páxina.

Esta iniciativa xurdíu hai case un mes, xa que a súa promotora xa tiña esta idea en mente e entendeu que, con motivo do confinamento pola crise sanitaria do coronavirus, gran parte dos veciños ía pasar moito máis tempo nas súas casas e podería buscar máis facilmente estas vellas instantáneas en álbumes, caixas ou faiados. E así foi, xa que nestas catro semanas téñense recuperado unha trintena de fotografías antigas de Sabucedo, datadas entre as décadas dos cincuenta e dos noventa, que ademais están a espertar un gran interese entre os veciños da parroquia estradense e doutros lugares, acumulando 800 interaccións e unha audiencia que xa supera as 9.300 persoas.

Esta iniciativa permitíu descubrir moitas estampas costumistas da aldea ademais da súa coñecida Rapa, xa que aparecen lugares icónicos, festas, xuntanzas de grupos, actos relixiosos, brincadeiras ou momentos de lecer ou traballo da segunda metade do século pasado.

Comentarios