A reforma de Benito Corbal remata esta semana co asfaltado da rúa

O martes haberá restriccións de tráfico para levar a cabo os traballos

Afectación do tráfico no remate das obras de Benito Corbal. DP
photo_camera Afectación do tráfico no remate das obras de Benito Corbal. DP

A reforma de Benito Corbal chega ao seu fin. Esta semana está previsto o seu remate co asfaltado de toda a rúa, dende Cobián Areal até Sagasta, que se fará de martes a xoves, ambos días incluídos.

No caso de acabar antes, abrirase a rúa totalmente ao tráfico. O martesestá previsto que a empresa adxudicataria da reforma, E.C.Casas traballe no espazo que está actualmente pechado ao tráfico (Blanco Porto-Cobián Areal) fresando toda a superficie.

Segundo informa o Concello, será a partir das 11.00 da mañá cando se realicen as modificacións de tráfico para poder traballar en toda a rúa, deixando libre o cruzamento de Blanco Porto con Benito Corbal para deixar a entrada ao centro dende San Antoniño e Javier Puig.

O acceso farase por Blanco Porto, Cruz Gallástegui e Sagasta, se se quere continuar cara Barcelos. A restricción de estacionamento será en toda a rúa a partir das 08.00 horas do martes.

A reforma da rúa Benito Corbal, adxudicada a E.C.Casas por 147.587,89 euros e un prazo de catro meses, comezou o pasado 14 de xaneiro, coincidindo co final das festas de Nadal e arrancado o período de rebaixas, e remata en prazo atendendo ás necesidades técnicas

As beirarrúas incrementaron a súa sección a máis de 4 metros de ancho e a calzada pasou a ser de 3,20 metros. O estacionamento quedou na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.

O cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade. 

Comentarios