A renovación dos servizos obriga a limitar a circulación na avenida de Domingo Fontán

Dende este luns pecharase o carril entre a ponte das Correntes e a ponte do Burgo, aínda que os residentes poderán acceder ate Martín Códax
Operativo de tráfico deseñado pola Policía Local con motivo das obras. D. P.
photo_camera Operativo de tráfico deseñado pola Policía Local con motivo das obras. D. P.

A reforma que se vén acometendo na ponte do Burgo e a súa contorna inicia este luns unha nova etapa coa renovación de todos os servizos na avenida de Domingo Fontán, no treito comprendido entre Martín Códax e a avenida da Coruña. A medida suporá o peche dun dos carrís, entre a ponte das Correntes e avenida de Compostela e nesa dirección.

As fases previstas na execución da obra vanse realizando dentro dos prazos previstos e, toda vez rematada a cabeceira sur, preparado o taboleiro para instalar a varanda e posto en marcha todo o traballo na cabeceira norte, a seguinte fase suporá "o traballo gordo de renovación de servizos que se vai facer nesta obra", segundo explicou esta semana o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

O proxecto consiste en repoñer todos os servizos da rúa: a rede de fecais, pluviais, subministro de auga, rede semafórica, rede de comunicación e rede eléctrica e de alumeado público. Esta actuación ten un orzamento de 77.000 euros.

A principal novidade radica na técnica que se utilizará na renovación da rede xeral de subministro de auga aos concellos da ría, que en vez de facerse abrindo unha gabia e cambiando as canalizacións, realizarase a través dun encamisado, unha técnica que se utilizará por primeira vez na cidade de Pontevedra.

Esta proposta é moito menos agresiva que instalar un tubo novo

Esta decisión chega despois dunha proposta da empresa que está a executar a obra, E.C. Casas, froito dun labor de investigación da propia empresa e dunha avaliación exhaustiva por parte dos Servizos Técnicos municipais para determinar a súa eficacia.

Esta proposta técnica, moito menos agresiva que instalar un tubo novo, consiste en abrir un pozo de entrada e outro de saída para inserir por dentro dun tubo de fibrocemento FC 600 mm, un tubo de polietileno de 560 mm que vai soldado por termofusión, utilizando o sistema Relining ou entubado interior mediante tiro ou empuxe.