Opinión

Riqueza e miseria

POBRE MANOLO da Fonsagrada e pobre Xan Sen Nada de Cotobade! Andan os dous mirando como pasa o vento e gozando co seu zoar xordo e continuado, mañá, tarde e noite. De noite por ser noite e de día, por ser de día. Eran dos máis pobres do lugar e sentábanse para descansar, mentres os veciños traballan no leiro, no prado, na seitura ou na bouza cavando. Escoitaban a radio e tremían, bracuñábanlles os dentes, os de arriba e os de abaixo, ao decatarse de que no mundo segue a pobreza avanzando e destruíndo.

Milleiros de pobres sen o imprescindible para vivir con dignidade. No mundo, milleiros e milleiros de pobres loitando sen forzas por algo que levar a boca dos seus fillos. Máis pobres que os citados, amigos de poucos bens, pero de corpo enteiro e alma enteira e chea de razón, de ledicia e de porvir. Todo está para eles na fase do porvir, por chegar, por ser e por querer.

É necesario que os estados teñan unha perspectiva global deste mundo para que a distribución de riqueza sexa realizada con criterios de equidade e de xustiza

Segundo datos aportados polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, cerca de novecentos millóns de persoas viven en condicións de extrema pobreza no mundo, é dicir, aproximadamente o dez por cento da poboación mundial. Unha verdadeira burrada, un disparate total e base de cabreos permanentes, desagradables e alongados no tempo, no corazón, no maxín e no peito ardendo de cada quen.

Milleiros de persoas subsisten con menos dun euro e medio diario, están na pobreza absoluta. Sen medios, sen comida, sen auga e coas portas pechadas cara o futuro. Sen posibilidades de andar, sen capacidade para seren donos de nada, nin tan sequera para sentir no lombo as inxustizas ás que están sometidos, por obra e graza dos que mandan e queren seguir mandando, sen interrupción, sen escrúpulos e sen intencións de cambio, por bo e necesario que sexa.

Parece conveniente ou, mellor dito, é necesario que os estados, os políticos e gobernantes teñan unha perspectiva global deste mundo para que a distribución de bens, de medios, de traballo e de todo tipo de riqueza sexa realizada con criterios de equidade e de xustiza. A Tía Manuela, sempre aproveita a ocasión e insiste en que o importante é facer ben o reparto, xa que, en contra da opinión dos neoliberais, "se medra a riqueza dos ricos, agrándase a miseria para os pobres".

Comentarios