Román Rodríguez: "As aulas son seguras, non chegan nin ao 0,1% de infectados"

De aprobar o Plan Estratéxico do Xacobeo como responsable de Turismo, pasou a ter que lidiar co inicio do curso máis conflitivo en décadas. Feijóo confioulle a educación e a cultura no momento máis delicado da pandemia. ► Di que chegou, diagnosticou e segue día a día aplicando tratamentos: "A crise é sanitaria, non será educativa", repite.
Román Rodríguez González. GONZALO GARCÍA
photo_camera Román Rodríguez González (Lalín, 1968). GONZALO GARCÍA

O venres recibiu a insignia de ouro da asociación de Amigos do Camiño Portugués polo seu traballo no Xacobeo. Agradeceuna emocionado. E declarouse un convencido de que esta crise non pode ser tamén educativa ou cultural. "Prefiro ver as oportunidades en cada momento e combater as debilidades paso a paso, sen rendernos xamais". 

-O Camiño era a gran esperanza turística e económica para Galicia. Unha oportunidade que agora podería converterse nunha frustración para varios sectores. Cre que hai marxe aínda para salvar o Xacobeo 2021?

-É unha oportunidade diferente. Moitos proxectos será difícil que poidan saír adiante. Pero segue a ser una plataforma única para promocionarse en todos os sentidos: económico, turístico, cultural ou mesmo emocional. Non podemos rendernos. Temos que seguir celebrando un gran Xacobeo, solo que en formatos e de xeitos diferentes. O 2021 é o inicio de toda unha década xacobea e agora, desde a Vicepresidencia primeira, vaise levar a cabo un gran proxecto onde todos imos estar moi implicados, desde logo así o estaremos desde a Consellería de Cultura.

-Do Plan Estratéxico do Xacobeo pasou vostede a lidiar coa Educación más atípica das últimas décadas. Cando chegou, en pleno arranque do curso, nai e pais, profesores e estudantes falaban de abandono, de improvisación e de falta de medios...

- Este curso é certo que é atípico, pero tamén o é en España e Europa. Fixemos un diagnóstico e comenzamos a traballar cunha visión de futuro. Había dous pilares básicos: manter a calidade do noso sistema educativo, que é un dos mellores de Europa, e adaptarnos a unha situación sociosanitaria absolutamente excepcional. Houbo que reforzar o profesorado, idear alternativas nos ratios educativos, reforzos nos comedores ou nos sistemas de limpeza, reorganización de horarios, etcétera. Con algunhos axustes, conflitos e problemas, fomos capaces de crear unha convivencia e unha capacidade de acción que fixo posible que o curso estea a desenvolverse cunha gran normalidade, dentro desa gran excepcionalidade do momento. Creo que o conxunto da comunidade educativa fixo un bo traballo.

Imos redeseñar os estándares de coñecemento e de evaluación; o decreto de aprobado xeral non terá percorrido en Galicia

-Cre que os xóvenes son o problema nesta pandemia?

-Os xóvenes sempre son a solución, porque son o futuro. É certo que, pola idade que teñen, os seus compotamentos poden sorprendernos nalgúns momentos. Pero eu quero deixar claro que o sistema educativo estáse caracterizando agora mesmo por ser un espazo seguro. Os contaxios que existen son, fundamentalmente, nos entornos sociais ou familiares, quizáis por unha relaxación ou por un exceso de confianza. En Galicia o espazo educativo non é o problema. Temos un acumulado de cerca de 600 persoas contaxiadas no ámbito educativo, pero comparativamente coas 450.000 persoas que se moven nesta comunidade educativa galega non chegamos nin ao 0,1% de personas afectadas nas aulas. É mais, as aulas están a funcionar casi como cortalumes. Os xóvenes estanse adaptando ao sistema educativo neste contexto dun xeito moi razonable e acorde coas esixencias que lles chegan desde o propio sistema educativo.

-Hai profesores suficientes para facerlle fronte ás baixas e aos reforzos?

-Galicia fixo este inicio de curso o maior esforzo da súa historia recente para reforzar o seu cadro docente. Estamos falando de 2.300 profesores novos. Se fora necesario mais profesorado, creo que temos capacidade suficiente para abordalo. O que temos moi claro é que todo aquel profesor que entre nun aula ten que ter coñecementos pedagóxicos e didácticos. Xa deseñamos un curso pedagóxico por se fixera falta usar graduados xenéricos como profesores.

-A cifra de contaxios non recomenda aínda tomar medidas más drásticas, pero cales serían no caso de que foran precisas?

-As medidas van evolucionando co tempo ao ritmo da propia situación hixiénico-sanitaria. E serán adoptadas polas autoridades sanitarias, feitas con seriedade, rigor e análises sanitarias. O sistema educativo levará a cabo todo o que o sistema sanitario lle requira en función da evolución desta pandemia.

Contratamos 2.300 docentes novos. Se fora necesario máis profesorado, creo que temos capacidade suficiente para abordalo

-Galicia ten colexios en zonas onde Internet é unha ferramenta do século XXI con velocidades e prestacións do século XIX. Estamos preparados para educar a distancia se fose preciso?

-É verdade que hai una cuestión estrutural, que ten que ver coa cobertura, aínda que a inmensa maioría do territorio galego ten unha das máis altas conectividades de España. Pero xa aprobamos un plan de continxencia por se fose preciso subministrar ao alumnado que o precise un equipamento informático e unha conexión wifi inalámbrica. Tamen temos plataformas virtuais operativas para as videoconferencias. E estamos traballando nunhas normas propias do profesorado para que o proceso educativo virtual sexa o máis parecido ao presencial. Este é un cambio que estamos facendo de xeito moi rápido, pero queremos estar preparados.

-En cursos claves, como a preparación da Abau, primeiro, o final das carreiras, cambios de ciclo en Primaria ou Secundaria, supoño que se notarán especialmente as incomodidades impostas por esta pandemia. Qué están a facer para que non sexa así?

-Logramos que no ámbito do Bachelerato se solucionase a presencialidade máxima. Tamén traballamos para que nos cambios de ciclo non se producira ningunha ruptura abrupta. Dentro da propia autonomía universitaria, os equipos teñen que xestionar a situación da maneira mais lóxica posible. Estamos ante un escenario inédito e temos que mirar para adiante.

-Xa ten dito que iso de pasar de curso suspendendo no lle parece ben. Pero cre que o nivel de esixencia se pode manter na situación actual? Estanse a retocar os criterios de evaluación ou mesmo os programas docentes?

-Estamos radicalmente en contra do decreto de ‘aprobado xeral’. Nin Galicia nin ningún país do mundo pode ser un país de aprobado xeral. Iso o que fai é baixar a esixencia e a equidade do sistema educativo. É unha mala mensaxe para a sociedade. Os recentes datos do informe Pisa amosan que somos unha sociedade tolerante e respectuosa coa igualdade de xénero ou con outras culturas. Dito isto, somos conscientes de que, nun hipotético caso de que teñamos que deseñar un escenario coma o do curso pasado, creo que temos que facelo con rigor. Hai que ter un modelo formativo e uns plantexamentos metodolóxicos que permitan adaptar a situación ao contexto. Estamos xa traballando nunha adaptación dese decreto de aprobado xeral a Galicia, porque non queremos en ningún caso ir contra a igualdade de oportunidades e contra o papel vertebral da educación. Traballamos nunhas normas propias onde imos deseñar os estándares de coñecemento e os estándares de evaluación.

Traballamos nunhas normas de profesorado para que o proceso educativo virtual sexa o máis parecido ao presencial

-Cando estará listo?

-Hoxe estamos apostando por un modelo presencial e traballamos xunto a comunidade educativa para ter un marco de coñecementos e outro de evaluación.

-Pero... cando?

-Nun prazo razonable de tempo. Non chegará para a primeira evaluación. Pero si para a segunda. Imos posibilitar que este decreto de aprobado xeral non teña percorrido en Galicia.

-Hai días aprobouse un protocolo para as actividades extraescolares. Cando será operativo?

-O novo protocolo de actividades extraescolares aprobouse o pasado martes e xa pasou polo comité clínico para a súa revisión e, no seu caso, adaptación. As actividades extraescolares son moi importantes para as familias. Ao longo do mes de novembro, de xeito voluntario, as ampas, os centros educativos e os concellos poderán xa facer uso das novas normas e poñer en marcha as actividades extraescolares.

"O sector cultural galego ten que saber que a Xunta vai a estar aí"

-Tócalle tamén a vostede atender a un sector cultural especialmente castigado pero especialmente necesario nestes momentos tan especiais. Cal é o seu diagnóstico e que está a facer a Xunta polo sector?

-A Cultura ten unha gran capacidade de adaptación. Deseña novos formatos para seguir traballando. Galicia ten unha gran potencia cultural en moitos ámbitos e creo que hai esperanza para seguir proxectando Galicia. Desde que se puxo en marcha o Plan Estratéxico do Xacobeo a vontade de facer de Galicia unha ventá ao mundo é clara. Os creadores galegos teñen que aproveitar esta panca para crear unha industria cultural o mais sólida e solvente posible, con capacidade para exportar produtos culturais e xerar emprego e riqueza.

-Que lle piden os distintos protagonistas da acción cultural galega nestes momentos?

-O 2021 será, obviamente, difícil. Pero o sector ten a capacidade suficiente para seguir apostando polo que sempre caracterizou á nosa cultura, que é unha gran creatividade e capacidade para deseñar produtos atractivos e unha gran capacidade tamén de exportar. Máis de 30.000 persoas viven da cultura en Galicia e temos que xerar un sector empresarial e industrial que se fundamente na súa capacidade e vencellamento co público. A cultura é unha cadea de valor, con creadores, distribuidores e un mesmo destinatario final que é o público. Hai que coidar todo este ecosistema de valor no que é moi importante que o público siga querendo consumir cultura.

-Haberá cartos para todo? Como cre que deberían ser os orzamentos para 2021 para atender a estas necesidades?

-Por suposto que haberá apoio económico. Este ano fixemos xa un gran esforzo co Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo e seguirémolo facendo. A cultura de Galicia pode saber que a Xunta vai a estar aí. E pídolle ao resto de administracións que apoien á cultura. Apoiar non é dirixir nin crear un sector subsidiado. É acompañar e apoiar para que se desenvolvan con liberdade e con capacidade propia. Galicia adicou casi 10 euros por persoa ao apoio cultural, mentres o Estado adicou apenas un euro.

Moción de censura: "A maioría dos militantes do PP séntense agora más orgullosos" 

-Por certo, quen gañou e quen perdeu a moción de censura desta semana?

-A estas alturas, hai xa un amplo consenso sobre que Pablo Casado foi o gran vencedor desta moción. Foi quen de deixar sobre a mesa unha mensaxe clara do que sempre foi o PP: un partido transversal, moderado e con vocación de estruturar á sociedade. Casado descolocou a todos. Partidos oportunistas como Vox teñen moi pouco percorrido... en Galicia ningún. A moderación e a sensatez son valores e penso que a inmensa maioría dos militantes e simpatizantes do PP se senten agora máis orgullosos que antes.

-De consolidarse ese viraxe ao centro será mais fácil facer política desde Galicia para o PP?

-O PP de Galicia sempre fixo unha política estrutural, non puramente ideolóxica, senón baseada en grandes principios. Galicia é unha autonomía que ten capacidade política e, sobre todo, un liderazgo político para axudar e ser axudado pola estrutura do Estado. Humildemente creo que o PP galego é unha referencia en España e non é que o digamos nós, é que os datos así o demostran coa terceira maioría absoluta consecutiva de Feijóo.

-Que diferencia a Galicia da crispación política de Madrid?

-En Galicia fomos capaces de aportar algo moi importante á vida política: un modelo que é capaz de escoitar e confrontar con firmeza os distintos modos de ver as cousas. Somos respectuosos e non aspiramos a transformar á sociedade a nosa imaxe e semellanza, senón que queremos acompañar á sociedade, evolucionar con ela e estar sempre ao seu lado para axudala a mellorar.

-Núñez Feijóo dixo ao principio da lexislatura que agora mesmo á Xunta víñase a sufrir. Esaxeraba ou quedouse curto?

-(Risas) Foi un recurso literario pero moi realista. A situación actual é moi complexa. En todos os aspectos da sociedade estamos tendo dificultades, na educación, na sanidade. No mundo da empresa... Temos que facer as cousas dun xeito diferente a como as faciamos, porque a previsión temporal agora mesmo é moi incerta e iso complica moito as cousas. Pero se algo demostramos é ter capacidade de anticipación e creo que iso é a clave para adaptarnos aos escenarios que imos tendo a curto prazo.

"Creo que se resolveron todas as cuestións en Pontevedra, como a do Sánchez Cantón" 
Reforzo dos profesores, polémica na posta en marcha dos comedores ou garantías de presencialidade, como no caso do Sánchez Cantón. Rodríguez cre que se resolveron "bastante ben" os problemas que foron xurdindo "coa paciencia e o esforzo necesarios en cada un dos casos".  
-En Pontevedra foi moi soada a reivindicación dos alumnos do Sánchez Cantón reclamando unha presencialidade total, como no resto de centros. Foi complicado solucionar este problema? Poden estar tranquilos estudantes e familias?
-Poden. Foi un problema complexo. Houbo que buscar solucións diferentes para cada caso concreto. Houbo que facer axustes aquí e en toda Galicia. Non era só a problemática do profesorado, senón as veces de estrutura e organización de modelo educativo en cada centro. Creo que se resolveron todas as cuestión aquí en Pontevedra e tamén no resto de Galicia. Agora toca sacar o curso adiante. Podo dicir que non imos permitir unha crise educativa, pese a estar nunha grande crise sanitaria.

Comentarios