Romay, o amo do gol granate

O media punta de Malpica lidera a lista de finalizadores do Pontevedra na pretemporada, con seis tantos ▶ O equipo de Luismi repartiu o seu traballo de cara á portería contraria entre once xogadores diferentes

Romay persegue o balón durante o partido ante o Rápido de Bouzas do triangular de Moraña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Romay persegue o balón durante o partido ante o Rápido de Bouzas do triangular de Moraña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Manuel Romay está a ser o líder ofensivo do Pontevedra na pretemporada. O media punta de Malpica leva seis goles no que vai de verán. A falta dun só partido de preparación antes do inicio da Liga de Segunda B, o xogador bergantiñán converteuse no futbolista máis atinado coa meta contraria.

O rexistro do futbolista procedente do Fabril Deportivo ampárase, sobre todo, no seu brillante partido contra o Juvenil de Ponteareas. A súa inspiración naquel enfrontamento permitiulle lograr catro dianas que elevaron a conta do conxunto a media ducia de goles (1-6, resultado final).

Ademais, tamén superou ao arqueiro rival no que supuxo o segundo gol do envite perante o Compostela (0-3 final) e no envite do sábado no que o cadro da cidade do Lérez bateu ao Racing de Ferrol (0-2) no estadio da Malata.

O bloque pontevedrés segue invicto durante a preparación, acumula 19 dianas a favor e só catro en contra

 

O traballo de cara á portería contraria está moi repartido no plantel que dirixe Luismi. En total, once futbolistas diferentes fixeron diana nos dez partidos que leva disputados o once pontevedrés nestas catro semanas de partidos veraniegos.

A achega de todos eles serviu para que, polo de agora, o PCF non perdese en ningún dos seus compromisos e, en consecuencia, se fixese con tódolos trofeos que disputou.

O segundo máximo executor do conxunto de Pasarón é Kevin Presa. O centrocampista de Ponteareas logrou tres tantos: un de penalti e dous en xogo. Kevin marcou contra o Compostela, contra o Betanzos e fronte ao Racing de Ferrol.

Outro membro do plantel atopou a rede rival en máis dun caso: o dianteiro Javi Pazos. O de Marín leva dous tantos, os que meteu contra o Juvenil de Ponteareas e fronte ao Deportivo Fabril en Pasarón.

Kevin Presa e Javi Pazos, con tres e dous goles, respectivamente, tamén atoparon o marco contrario en máis dunha ocasión

 

O resto do traballo anotador está distribuido entre oito futbolistas que fixeron unha diana cada un. Tódolos dianteiros, excepto o canteirán Rivera, mollaron durante os torneos que o equipo granate leva disputados.

Os monogoleadores foron Alberto Campillo (no duelo contra o Sporting en Avilés), Iñaki Martínez (contra o Lugo en Pasarón), Álex Fernández (ante o Celta B en Moraña), Pedro Vázquez (diante do Bouzas en Moraña), Víctor Vázquez (o primeiro do 0-3 contra o Compostela), Berrocal (contra o Juvenil), Mouriño (abriu a conta diante do Betanzos) e Arruabarrena (pechou o marcador contra o cadro betanceiro).

O Pontevedra aínda ten pendente un encontro, contra o Alondras, o próximo mércores, a tres días vista do comezo oficial do curso contra o Unionistas.

TODAS AS LIÑAS. Chama a atención a participación de todas as liñas do campo na produción ofensiva colectiva. Os únicos que non marcaron polo momento foron os laterais e os porteiros. Tanto os centrais, como os medio centros, os estremos, os media puntas e os dianteiros tiveron o seu momento de gloria co marco contrario.

Os resultados e os goles a favor non son os únicos datos positivos do Pontevedra neste verán: e é que o PCF só leva encaixados catro tantos en 900 minutos.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios