Cerdedo-Cotobade

A Ruada Musical Os Afoutes do Canón de Pau volve a Cuspedriños

O antigo mercado acolle este sábado a decimocuarta edición do certame
A presentación da cita tivo lugar en Carballedo. CEDIDA
photo_camera A presentación da cita tivo lugar en Carballedo. CEDIDA

O Concello de Cerdedo-Cotobade presentou este venres a XIV Ruada Musical de Os Afoutes do Canón de Pau, que terá lugar este sábado, a partires das 20.30 horas, no antigo mercado de Cuspedriños. O certame deuse a coñecer nun acto celebrado na Casa Consistorial de Carballedo coa presenza do alcalde, Jorge Cubela, e de membros da agrupación cultural responsable da organización da cita.

Ao igual que en anos anteriores, a Ruada de Cuspedriños mantén o mesmo formato e está aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen amosar as súas dotes musicais libremente, aínda que tamén se orienta ao público en xeral que simplemente queira gozar dunha velada de música tradicional coa familia ou os amigos. Esta festa, que se prolongará por espazo dunhas cinco horas, tamén contará con petiscos para todos os asistentes.

O rexedor local quixo animar á veciñanza a sumarse a un acto cultural e musical "completamente distinto" polo seu formato e que, pola súa orixinalidade e calidade, "sempre paga a pena" e destacou que se trata dun certame "plenamente consolidado no enorme circuíto de actividades musicais que temos ao longo do ano no noso concello".

TRAXECTORIA

Así mesmo, o alcalde do concello fusionado resaltou a "gran traxectoria constante" dunha formación como Os Afoutes do Canón de Pau ao longo de todo o ano coas súas actividades formativas, que veñen de comezar con clases de baile canto e música, os seus eventos e certames e as súas actuacións.

"Estamos moi orgullosos dos Afoutes e do seu traballo a prol da nosa cultura", sinalou Cubela, que engadiu que o concello "é moi privilexiado, xa que ademais contamos con varias agrupacións que destacan pola súa calidade e esforzo e que son a envexa de moitos municipios galegos polo seu dinamismo, polo que sempre van contar co noso apoio".

Comentarios