Imprimir

Este é o programa do Salón do Libro de Pontevedra

Diario de Pontevedra | 27 de febrero de 2020

Presentación do programa do Salón do Libro co lobo Orbil. JAVIER CERVERA
Presentación do programa do Salón do Libro co lobo Orbil. JAVIER CERVERA
Celebrarase na cidade entre o 6 e o 28 de marzo e homenaxeará a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva

O XXI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará na cidade entre o 6 e o 28 de marzo, homenaxeará este ano, como xa se anunciara en decembro, á veterana autora Helena Villar Janeiro, pero tamén, por primeira vez, a un ilustrador. Neste caso é Kiko da Silva, quen ademais é o pai de Orbil, a mascota que representa ao evento desde hai 21 anos. 

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou esta xoves ao detalle a programación, que pode consultarse na web www.salondolibro.gal. Como xa se dixera, o tema central do Salón será o humor e o país convidado Italia, de onde este venres mesmo chegará como adianto o pedagogo Francesco Tonucci.

O espíritu italiano estará presente a través da homenaxe a autores clásicos como Gianni Rodari, Carlo Collodi ou Adela Turin, pero tamén nos contacontos de Simone Negrín, nas actividades da asociación pontevedresa Mater Lingua, nos roteiros por espazos gastronómicos do país da bota ou polo préstamo bibliotecario da Società Dante Alighieri de Roma.

Haberá máis de 300 actividades e máis dun milleiro de libros para todas as idades. Potenciarase a programación para bebés, darase cabida aos videoxogos co museo Muvi, estrearanse espectáculos como Ris ras, de Baobab Teatro, e Fatal falta Tafall, de Fantoches Baj e haberá outros como os concertos de Odaiko, De Vacas ou Pakolas.

Cine, teatro, poesía e troca de libros e obradoiros variados completarán a programación, que tamén contará coa participación de autores  como Ledicia Costas, que presentará xunto a Víctor Rivas o seu novo libro, Vampira de biblioteca, ou Jordi Sierra i Fabra. Ambos participarán tamén no IIII Congreso Internacional de Mediación Lectora, que se celebrará na última semana do Salón.

Así mesmo, este ano participará o cento por cento dos colexios de Pontevedra achegando os seus proxectos escolares e asistindo ás visitas guiadas concertadas pola mañá.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/salon-do-libro-homenaxeara-helena-villar-janeiro-kiko-da-silva/202002271406171075314.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)