A SD Teucro apela a "máis que un sentimento" na súa campaña para captar socios

Os socios abonarán a "cifra simbólica" de 75 euros
Presentación da campaña de abonados do Teucro. DP
photo_camera Presentación da campaña de abonados do Teucro. DP

"Facerse socio da Sociedade Deportiva Teucro é algo que transcende ao feito de ver partidos de balonmán. É un sentimento". Deste xeito sintetizaba este xoves o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o espírito da campaña de captación de socios posta en marcha polo equipo pontevedrés para a tempada 2020/2021.

Baixo o lema Máis que balonmán, a campaña, presentada no Concello nunha rolda de prensa que contou coa presenza da concelleira de Turismo, Yoya Blanco; da responsable de Comunicación e Marketing do club, Laura del Castillo, e de membros da xunta xestora do club, con Carlos García-Alén á cabeza, pretende chegar aos afeccionados dun xeito diferente, botando a vista atrás e apostando polos valores que identificaron ao club durante estes 75 anos de vida.

Uns principios entre os que se atopan "o esforzo, a loita, a constancia, o compañeirismo e a entrega" e que, nestes momentos de incerteza, fan que a SD Teucro lle teña "moito que ofrecer á sociedade e á cidade de Pontevedra".

Tal e como subliñou na comparecencia Laura del Castillo, “ser do Teucro é un sentimento de pertenza a unha familia” e a un equipo que apoia dende sempre a estrutura de base, dando cobertura a un amplo abano de idades e de ámbolos sexos.

"Baixamos os prezos a unha contía que nos parece moi razoable e que este ano tan especial, do noso 75 aniversario, ten un significado simbólico: os socios sénior deben pagar unha cuota de 75 euros. O prezo para os socios infantís é de 10 euros, o de xuvenís de 25, o bonificado de 50 e o familiar de 150. É difícil facer previsións nestas circunstancias, pero estaría ben superar o número de socios do ano pasado e chegar aos 800 ou 900 asociados”, sinalou a responsable de Comunicación.

Tino Fernández lembrou que o Teucro “é un referente en Pontevedra e a nivel nacional, xa que os seus 75 anos de vida o converten no vicedecano do noso balonmán”. Segundo indicou, como outros clubs da cidade, está a atravesar “unha tempada que se presenta complicada, non só no ámbito deportivo, senón tamén pola situación de pandemia”, o que fai que precise máis que nunca “o apoio dos que aman o balonmán e o deporte”.

"A SD Teucro vén librando dous tipos de competición: unha nas pistas, case todos os anos con bos resultados, e outra máis dura, fóra das pistas, que é a competición por sobrevivir", afirmou o tenente de alcalde. 

Comentarios