"Sempre me 'chiflaron' os nenos"

Con 24 anos acabados de cumprir, a lalinense Ylenia Varela abriu as portas da única Casa Niño das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, conseguindo completar o aforo máximo de cinco nenos

Ylenia Varela xunto ás tres primeiras usuarias da súa Casa Niño. B.P.
photo_camera Ylenia Varela xunto ás tres primeiras usuarias da súa Casa Niño. B.P.

A única Casa Niño das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes botou a andar este venres en Dozón, na antiga casa do conserxe do colexio da localidade, que a lalinense Ylenia Varela acondicionou para convertela no seu lugar de traballo e no pequeño fogar que, durante oito horas ó día, compartirá a partir de agora con Celia, Miriam, Lucía, Telma e Sofía, as cinco nenas usuarias do servizo.

Varela, que é educadora social e ten un máster en Educación Infantil, veu neste proxecto unha saída laboral e a realización da súa vocación, con 24 anos. "Sempre me 'chiflaron' moito os nenos e vin a oportunidade", admite. Escolleu asentarse en Dozón "porque é un núcleo que cumpre co baremo de poboación" esixido para poder abrir unha Casa Niño, "á parte de que me acolleron súper ben e o Concello me axudou moito, ata o punto de que sen eles sería imposible", di.

Fíxose autónoma e acolleuse á liña de subvencións específica para estes proxectos que outorga a Xunta de Galicia, cofinanciada polos Fondos Feder. Ela custeou os gastos para o equipamento da vivenda, arredor da cal se habilitou un peche para separala do recinto do colexio público. Tamén se dotou dunha rampla para mellorar o acceso e dunha pequena franxa de terreo na que, o próximo ano, conta cultivar unha horta, un elemento de aprendizaxe máis para os cativos.

"O grupo é reducido, así que podes atender mellor as necesidades de cada un e corrixir máis" que nunha escola infantil ou un PAI

"A situación desta vivenda préstase, porque está xusto no colexio e os nenos que veñen aquí xa van afacéndose", tendo en conta que os nenos que acoden á Casa Niño deben ter entre 0 e 3 anos. Os beneficios deste servizo fronte ó dunha escola infantil ou dun Punto de Antención á Infancia (PAI) tenos claros: "O grupo é reducido, non pode haber máis de cinco nenos á vez, así que podes atender mellor as necesidades de cada un e corrixir máis que se tes dez" cativos.

Varela acordou cos pais dos seus usuarios un horario matutino, de 8.00 a 16.00 horas, tendo en conta que a prestación do servizo non pode superar as oito horas diarias. Para as familias é totalmente gratuíto. "Poden traelos cando queiran, non teñen por que estar as oito horas aquí", sinala. As cinco cativas están empadroadas en Dozón, requisito imprescindible para poder acceder ó servizo, agás en caso de que queden prazas libres, ás que poderían optar alumnos doutros concellos limítrofes.

MÉTODO MONTESSORI. "Aquí as familias non tiñan este servizo e failles falta. Hai moita xente que se dedica á agricultura e á gandeiría e vénlles xenial", asegura a moza, que recibe da Xunta a remuneración pola prestación do servizo. Xogos, actividades de pintura e lectura de contos son algunas das tarefas que desenvolverá cada día coas pequenas, coas que tamén traballará a psicomotricidade. "Gústame moito o método Montessori e intento aplicalo", sinala sobre o modelo educativo que fomenta a independencia do neno e respecta o seu ritmo de desenvolvemento.

Agradecida ás administracións locais e autonómica polo apoio, recoñece que "sen financiamento é imposible" sacar adiante un proxecto destas características, "e máis para xente nova coma min, que non temos aforros" cos que dar o primeiro paso.

Comentarios