Blog | A lume maino

Sen etiquetas

H ai uns días caeu nas miñas mans un de tantos artigo que nacen á sombra das redes sociais coa vocación de arroxar un pouco de luz no complexo camiño da maternidade -ou de gañar uns cantos clicks e converterse en viral- no que se ofrecían de balde algunhas pistas para descubrir que tipo de nai/pai es. Se respondes a un perfil sobreprotector que está xerando nenos brandiños e dependentes ou, pola contra, es desas outras nais desapegadas que non cultivan as emocións dos seus nenos, ou das que pasan pouco tempo cos rapaces e afogan a culpa baixo montañas de síes e agasallos e que están a criar auténticos tiranos.

O texto en cuestión recomendaba observar algunhas claves. Por exemplo, fixarse en quen leva a mochila ó saír da escola, así que cando días despois me vin a min mesma con dúas chaquetas na man e outras tantas mochilas ás costas, ademais dun paraugas e un cativo pendurando do meu brazo non dubidei en autoetiquetarme.

Antes de coñecer o concepto crianza con apego xa metía ós meus pequeniños na cama e farteime de darlles colos, de feito, aínda o fago, a pesar das constantes advertencias que me fixeran sobre o aditivo que pode resultar para os meniños e o prexudicial que resulta para os pais. Algo máis de oito anos máis tarde, aínda non descubrín o porqué de aquela insistencia por rematar coa lactancia. Ó mesmo tempo, recoñezo que ás veces tamén son unha desas nais desnaturalizadas ás que lles segue gustando saír de noite e bailar e rir e gozar da festa, ou das que saborean o silencio da medianoite, cando o hai, e alongan cada minuto que os anxiños durmen aínda sabendo que ó día seguinte na miña casa se madruga. Si ou si.

Algunhas veces entendo que teño algo que ver con ese Club de las malas madres ás que Lucía Etxeberria dedicou un libro logo de converterse nunha delas e que hoxe ten o seu propio club de mulleres que se autoperdoan por marchar aliviadas ó traballo, ou porque simplemente non renuncian a ter tempo para si mesmas. Pregúntome se é posible ser desas nais que se transforman en leonas nos primeiros días da súa nova vida e non permiten que ninguén lle achegue o alento ó seu cachorro e ó mesmo tempo devecen porque chegue a viaxe de celebración coas amigas para ir ben lonxe.

Como se cataloga á nai que as primeiras veces que deixa ó seu bebé na gardería marcha cunha bágoa esvarando pola meixela e a angustia ben cosida ó peito e co tempo protesta porque as vacacións de Nadal son demasiado longas na escola? E a esas outras ás que lles encanta xogar ás agachadas ou baixar polo tobogán cando ninguén as ve e logo suben polas paredes nas fins de semana de chuvia, cando descubren que teñen un pequeniño ou dous agarrados ás pernas que non a deixan nin para ir ó baño? E que tipo de nai é a que vive os embarazos coma se estivera nunha nube de azucre e que tempo despois maldí o espello cando sae da ducha?

Cada vez son máis os autores decididos a ofrecer respostas. Debe de saír ben rentable. Blogueiros e blogueiras e escritores empeñados en aconsellar ós proxenitores. O método Stivill, a doctrina Carlos González. As guías para nais todoterreo, tamén para despistadas. Para as perfectas imperfectas. Hoxe tamén para as arrepentidas. E para as que o queremos todo.

Mira que falamos da importancia de rachar cos estereotipos e ó mesmo tempo nos empeñamos en encasillarnos e en xulgarnos. Posesivas, controladoras, desapegadas, esixentes, afectuosas, cómplices, nais policía, nais galiña... Estamos fartos de escoitar que non é recomendable poñer etiquetas ós nenos, pero tampouco entendo esa teima de facerllo ás nais. Hoxe incluso acuñamos o movemento NoMo (No Mother), para clasificar a aquelas mulleres que teñen claro que para ser felices non teñen por que ter un fillo. Hai mulleres para as que a maternidade si é o cumio na pirámide da felicidade e outras que non precisan saber que é o mundo do dalsy ou quen é esa insoportable Dora para darlle un sentido á súa vida.

Para todas elas e case todos eles, hai alomenos un libro, unha campaña de marketing agardando tralas redes sociais, e todo un universo para cuestionarse, para comprar, vender e cambiar en pro da maternidade. Pero ó final de todo isto está unha mesma cos seus acertos e as súas imperfeccións. Nunca esquecerei unha conversa coa miña nai, sendo eu adolescente, na que me confesaba que nalgúns aspectos da vida ela estaba aprendendo e moitas veces era de min de quen aprendía. Eu trato de facer o mesmo. Con liberdade, con olleiras profundas e con todo o amor do mundo pero sen etiquetas.

Comentarios