Imprimir

'Sen recordos', por Alba Mato Búa

VV.AA. | III Certame de relato curto

Diario de Pontevedra | 08 de agosto de 2015

Libros, papeis, estelas, roupa, fragmentos de cristais. Todo cubría o chan do cuarto de Xulia. A rapaza, atordada, non recordaba nada do que acontecera naquel cuarto. Sentou enriba dunha morea de papeis rotos, xa que tanto a cadeira como a cama estaban envorcadas, e mirou derredor, desconcertada. Unha dor aguda na palma da man fíxoa volver do seu ensimesmamento. Tiña un dos cristais cravados; a lámpada do teito estaba completamente destruída. Todos os mobles rotos, páxinas de libros arrincadas, a porta fóra dos seus gonzos. Xulia estaba asustada. Non sabía que ou quen fixera aquilo. A pesar de non ser a primeira vez que ocorría sentíase coma se así fose. Era coma se un furacán arrasase o seu cuarto, un furacán que cada vez acudía máis frecuentemente e con maior intensidade. Fose o que fose, a súa familia temíao. Recordaba a cara de terror de súa nai a última vez e como ela intentaba ocultala detrás dun forzado sorriso. Non obstante, ninguén parecía querer contarlle nada. Aínda que non sempre era así, normalmente sucedía no seu cuarto. Ese feito preocupaba aínda máis a Xulia e non entendía o porqué do silencio da súa familia. Levantouse e, lentamente, achegouse a un libro, ou ao que quedaba del, pois o seu estado era lamentable, e colleuno con delicadeza. Coma se fose un raio de luz, os recordos do que acontecera chegaron á súa memoria e tivo medo, máis medo que antes. Co libro na man non podía deixar de recordar o momento no que o ciscara e o rompera e o momento no que rompera todo no seu cuarto.

Alba Mato Búa
3º curso, IES Manuel García Barros (A Estrada) 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/vv-aa/sen-recordos-por-alba-mato-bua/20150808195448344388.html


© 2019 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)