Opinión

Senlleira / Escuridade

Senlleira

Alí estaba ela, abandonada, soa naquela cidade que a fixo sentirse valiosa e amada. O que fora o seu fogar xa non era máis ca un lugar atestado de casas e edificios. Atopábase nun escuro recanto cheo de humidade e néboa onde case nin chegaba a luz do sol. O seu corpo, recuberto de carriza, porque a xente se afastaba cada vez máis dela. Case ninguén quería estar a carón dela, e mesmo a desprezaban con gargalladas desdeñosas e insultantes.

De entre toda esa xente xorde un grupo de mozos e mozas que tiñan moita valentía para denunciar a situación que estaba a sufrir..., mais as autoridades, en lugar de protexela, miraban para outro lado, cómplices incluso, nalgunha ocasión, deste menosprezo e rexeitamento. 

Pouco a pouco as súas mans foron quedando sen forza, os seus ollos pecháronse lentamente, os seus oídos deixaron de escoitar ese fermoso canto e a súa voz apagouse. A falta de sensibilidade das persoas rematou por convertelas en cegas e non puideron adiviñar que detrás do mofo se escondía o ouro máis puro do mundo. E así foi como un pobo foi cómplice da morte dela, a lingua galega, e con ela tamén morreu o propio pobo, por ignorar que coa perda do seu idioma tamén expiraba a súa cultura e a súa identidade.

Alba Abal Baños

IES Armando Cotarelo Valledor [Vilagarcía de Arousa]

Escuridade

Teño medo. Todo está escuro. Corro a todas e a ningunha parte. Non sei de que estou a fuxir, pero sigo coa miña carreira. Quizais estea a escapar da escuridade, da dor ou do medo. Si, estou a escapar do descoñecido. Todo parece onírico, dun pesadelo. De repente, vexo unha luz preto de min. Algo brilla. É unha espada. O máis marabilloso que vin nunca.

A súa empuñadura, decorada con rubís, dá sensación de valor, mentres que a súa folla afi ada te convida a vivir grandes aventuras. Cólloa e sinto que a forza se apodera de min. Axítoa sen control e repentinamente a escuridade faise anacos coma se fose un papel roto en mil. Mentres a escuridade cae, comézase a ver un novo escenario, distinto do anterior. Resúltame familiar. Claro, é o meu cuarto!

É de noite. Deben de ser sobre as catro da madrugada, mais a estancia permanece escasamente iluminada, apenas pola luz dalgúns farois.

O cuarto está algo cambiado: as sabas, anteriormente brancas, tornaron negras; os libros de fantasía agora son de terror. Onde estou? Esta non é amiña casa, o meu fogar! Sinto que me observan.

–Vaite preparando, porque nos volveremos a ver... moi pronto.

–Un susurro xélido e hostil soa entre o silencio.

Xírome buscando algo, alguén. Agarda un intre. Que é iso? Volvo virar a cabeza cara a onde me pareceu observar algo, mais non hai ninguén. Xuraría que vin unha sombra.

Ai! Dóeme moito a testa. Todo dá voltas. Sinto que me esvaezo... –Aaah! –Érgome dun sobresalto. Era todo un soño? Non tiña nin pés nin cabeza, mais parecía moi real–. Volverémonos a ver, volverémonos a ver...

–Quen diaños é ese? De repente, descubro que hai un obxecto ao meu lado. Unha peza de rubí xace sobre as sabas brancas.

Emilia Alario Pastoriza 

IES Gonzalo Torrente Ballester [Pontevedra]

Comentarios