Sés, Iria Pinheiro, Xurxo Souto e Margarita Ledo farán de guías no Museo de Pontevedra

A Deputación convida a personaxes populares da cultura a participar na segunda edición de 'Visitas cruzadas'
 
 

Presentación de Visitas Cruzadas. D. FREIRE
photo_camera Presentación de Visitas Cruzadas. D. FREIRE

O director de Galaxia, Francisco Castro, e a presentadora e actriz Nieves Rodríguez (que vén de gañar o Mestre Mateo polo seu traballo no programa da TVG Vaia Troula) guiarán visitas ao Museo de Pontevedra a terceira fin de semana do mes de abril. Os dous estiveron este luns, no Sexto Edificio, acompañando ao director da institución museística, Carlos Valle, e ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, na presentación da segunda edición do ciclo 'Visitas cruzadas', unha iniciativa que convida a unha serie de personaxes populares a guiar percorridos polas salas de exposición permanente.

A primeira fin de semana de abril, os protagonistas da actividade serán os cantantes Sés e Xurxo Souto. Especialmente significativa será a presenza da actriz Iria Pinheiro, a segunda fin de semana do mes, no que será un dos seus primeiros actos públicos tras terse feito público (o pasado 9 de marzo) que presentara unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa 'Con amor e compañía' no que colaboraba en 2017. Acompañaraa o responsable da editorial Urco, o pontevedrés David Cortizo. Os mencionandos Castro e Rodríguez serán os encargados de conducir o terceiro roteiro. A proposta rematará da man da xornalista, escritora e cineasta Margarita Ledo e do tamén cineasta Xacio Baño.

Para participar en cada unha das visitas é necesaria a inscrición previa, que se abrirá o luns anterior á celebración de cada un dos roteiros e que será de balde. Haberá 50 prazas dispoñibles cada domingo. Pode consultar todos os detalles aquí.

Comentarios