Silva salienta as melloras feitas na EP-9305 e na Pousada de Ribadumia

A presidenta provincial considera que "a política do século XXI é esta, a de traballar conxuntamente"
Visita institucional realizada este xoves á vila da comarca do Salnés. CEDIDA
photo_camera Visita institucional realizada este xoves á vila da comarca do Salnés. CEDIDA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial Gregorio Agís; o alcalde de Ribadumia, David Castro, e os integrantes do Goberno municipal, visitou este xoves a actuación acometida para a mellora da seguridade viaria nun tramo da estrada EP-9305, que une Coirón con Ribadumia e Leiro. Ademais, as autoridades tamén pasaron revista ás obras para o acondicionamento das rúas da contorna da Pousada de Ribadumia.

En concreto, a Deputación de Pontevedra investiu nestas dúas actuacións máis de 400.000 euros. Silva destacou que "estes traballos son unha mostra doutra forma de facer as cousas, que se chama lealdade institucional e compromiso conxunto. Sen dúbida, cumpre con todo aquilo que a Deputación considera que ten que ser o novo modelo".

En relación ao acondicionamento na estrada EP 9305, a presidenta provincial fixo fincapé en que "nós facemos proxectos maduros". Neste eido, Silva continuou explicando que "o principio de accesibilidade, mobilidade e recuperación de espazos é fundamental para nós. Os peóns son a prioridade e iso é unha regra inamovible para a Deputación de Pontevedra".

Ademais, a presidenta tamén resaltou a importancia de "escoitar e de chegar a acordos cos concellos. Temos que buscar colaboración e non confrontación". Por último, Carmela Silva subliñou que "o Concello fixo un extraordinario traballo para que a veciñanza cedera espazo para ampliar as beirarrúas" e engadiu que "a política do século XXI é esta, a de traballar conxuntamente".

En canto á actuación na Pousada de Ribadumia, a presidenta provincial amosou a súa satisfacción porque "finalmente puidemos solucionar unha herdanza terrible e tremenda que nos deixou o anterior Goberno do PP". Neste senso, Silva tamén quixo lembrar que este foi "un proxecto que se fixo mal, sen cumprir o procedemento administrativo e con moitísimas irregularidades" e adiantou que "tras traballar arreo durante anos para poder cumprir coa lei, nun breve prazo de tempo estará operativa esta pousada".

O alcalde de Ribadumia agradeceu a colaboración da Deputación co concello, asegurando que "esta é a liña de traballo que temos que seguir", e salientou que "actuacións coma esta fan que Ribadumia medre máis e que o benestar da veciñanza sexa maior".

Comentarios