'SmartPeme' estrea unha aplicación que facilitará a interacción dos usuarios

A app presentada pola Deputación estará dispoñible a partir do día 8 en galego e castelán para Android e IOS
Carmela Silva e López Font presentaron este xoves a nova app no edificio administrativo da Deputación. DP
photo_camera Carmela Silva e López Font presentaron este xoves a nova app no edificio administrativo da Deputación. DP

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial Carlos López Font, presentou este xoves a nova app do programa SmartPeme para a adaptación ás necesidades e cambios de consumo das persoas que utilizan a rede. A nova app impulsará a difusión do servizo na provincia e facilitará a interacción entre usuarios. Tamén dará a coñecer o programa, fidelizará ás persoas que xa reciben asesoramento e atenderá de maneira máis áxil e eficiente as peticións e suxestións, ademais de que permitirá conectarse con SmartPeme desde calquera lugar. 

Estará dispoñible a partir do martes 8 de outubro para Android e IOS, en galego e castelán, e permitirá a solicitude de xestión de citas, a consulta de información, inscrición a actividades de capacitación e obradoiros mensuais, recibir notificacións que se poderán filtrar en función dos intereses propios e tamén presentará as novas publicadas na web e toda a información sobre axudas e subvencións. 

Segundo destacou Carmela Silva, "a creación desta aplicación móbil é moi necesaria, xa que as apps teñen unha gran presenza e cada día terán máis, converténdose nun instrumento moi relevante tanto na acción económica como na social, así como na creación de novos produtos". Neste eido, a presidenta amosou datos e explicou que o móbil é o primeiro dispositivo de navegación en España, pois "o 97% das persoas conéctanse a Internet a través do seu smartphone" e o 32% emprégano como dispositivo único. Ademais, do total de minutos que pasamos en internet "máis do 66% adicámolo ao emprego de apps", dixo. 

Un dos obxectivos é difundir os servizos que ofrece o programa para pemes e emprendedores da institución provincial

Na presentación da nova app, tamén estiveron presentes Olalla e Fernando Troncoso, responsables do albergue O Peirao da Guarda, que agradeceron a oportunidade por ter participado na segunda edición da Aceleradora TurisTic. Deste xeito, Olalla Troncoso explicou que "a través deste proxecto participamos en bastantes formacións e recibimos asesoramento de marketing dixital, plan de negocio e de empresa, de deseño, xestión..., ademais de que descubrimos un servizo que non finaliza co remate da aceleradora, porque agora sei que podo contar co apoio da administración e coa axuda da súa xente", destacou. 

SmartPeme realizou máis de 2.000 asesoramentos no último ano, superou os 2.300 asistentes aos eventos organizados e ten xa preto de 5.000 persoas subscritas á newsletter informativa.

Comentarios