O Son de Marín comeza hoxe cun documental homenaxe a John Balan

A cita, este mércores pola noite en Seixo, abre cinco días adicados ao recoñecido artista que encherá de música as rúas e prazas da vila
Un momento do Marín Canta cos Saljariteiros da pasada edición na Alameda. CRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Un momento do Marín Canta cos Saljariteiros da pasada edición na Alameda. CRISTIAN FERNÁNDEZ

O Festival Son de Marín, que é, ademais, unha homenaxe a John Balan, volve ás rúas e prazas da vila desde hoxe ata o domingo. O evento está organizado polo Concello de Marín e Dibay, coa colaboración de varios colectivos sociais, ampliando o número de actividades e xornadas de celebración nesta nova edición.

O certame terá o seu día grande o sábado 3 de agosto, con 16 actividades e unha morea de horas de música nas rúas e prazas do casco urbano. En todo caso, haberá tamén proxeccións de documentais, novas edicións do Son de Marín-Son de Bos Aires e do Marín Canta cos Saljariteiros, ademais dunha festa para os menos o domingo.

A proxección do documental titulado Querido John Balan, de Manuel Yáñez e Ángel Peláez, abrirá a programación do certame este mércores pola noite, ás 22.00 horas no Cine Seixo, con acceso totalmente gratuito para todos os asistentes ata completar o aforo.

O xoves, na Praza da Casa da Cultura de Seixo, ás 21.00 horas, terá lugar o Son de Marín-Son de Bos Aires La Quinta, con música galega e arxentina. Contarase coa actuación de pandereteiras; os acordeóns de Manolo, Ramón e Eusebio; Miriam Sandoval (voz e guitarra); Daniel Castelli (cantante); Trío Primera Junta (Leo Amoroso, Diego Rada e Ariol Micol); Lía (violín), Karina More y Monasterio (danza) e Art&Maña (grupo).

O relevo recollerao o venres a terceira edición do Marín Canta cos Saljariteiros, previsto para as 21.30 horas na Alameda Rosalía de Castro, repetindo un formato similar ao dos anos anteriores, contando esta vez como grupos convidados con Fentos e Frouma e Charanga OT.

A organización repartirá en papel o cancioneiro que se vai interpretar, de xeito que sexa doado seguir cada unha das pezas seleccionadas para a ocasión, ás que se poderán sumar algunas outras, no seu caso, por petición do público.

A pretensión é que o Marín Canta cos Saljariteiros sexa unha expresión cultural e musical colectiva, no que todos os veciños interesados formen parte do evento desde dentro.

A GRAN FESTA. No día grande do Festival, numerosas prazas e rúas da vila acollerán actuacións musicais, ás que se sumarán pasarrúas, a proxección dun documental e a homenaxe a Balan, un home que fixo da música e o humor a súa forma de vida. O punto de partida serás ás 10.00 horas cos pasarrúas de Batucada Os da Caña e Os de Marín.

As actuacións continuarán cos seguintes horarios en lugares: Ferriñas (10.30 na Praza da Abastos), Luboxx (11.00 en Ezequiel Massoni), Valeria (11.20 na Praza 8 de Marzo), Miguel Avatar (11.30 na Praza rúa da Ponte), Trompos ós Pés (11.45 na Praza da Veiguiña), Antía García (12.00 na rúa Serafín Tobío), Daniel Castelli (12.30 en Méndez Núñez), Os Chaneiros (13.00 na Praza do Reloxo) e Comando Foucellas (13.30 na Alameda).

O programa retomarase pola tarde coa Asociación Floclórica Foula (19.00 horas no Fondo do Saco), dando paso a continuación, ás 20.30, á homenaxe a John Balan na Alameda Rosalía de Castro, que incluirá a proxección do documental Querido John Balan, de Manuel Yáñez e Ángel Peláez.

O fin de festa contará con tres platos fortes: Hofmann's Legacy ás 21.30 horas, Trío Primera Junta (Leo Amoroso, Diego Rada e Ariol Micol) ás 22.30, e como broche de ouro o xa fixo do Son de Marín, Ricardo Parada, que porá música desde as 23.30 ata o remate do festival.

Unha actividade de récord para os máis novos
A música será a gran protagonista destes días, con actividades e estilos ben diferentes, pero coa finalidade última de homenaxear ao popular John Balan, un artista que deixou unha fonda pegada non só en Marín, a súa vila natal, senón tamén a nivel galego e incluso nacional e internacional.

Para os nenos
Aínda así, tamén haberá espazo para os máis pequenos e o domingo está programada unha doble actividade dirixida a toda a familia, en especial aos menos, e que poderá rematar co nome de Marín no Guinness World Records se, entre todos os asistentes, consiguen inflar 2.000 globos en menos de 30 minutos. esta iniciativa terá lugar ás 12.00 horas, rematando a continuación cun concerto de Dani Barreiro&Friends

Comentarios