Isabel Neira: "Son torneira porque foi o que vin"

O seu crebanoces véndese na tate modern de Londres. A estradense Isabel Neira é a sétima xeración familiar de torneiros, a primeira muller da saga que se dedica a este oficio e a única en Galicia exercéndoo. Do seu taller centenario saíron os crebanoces que dende finais do pasado ano se venden na tenda da galería londinense

Isabel Neira cun dos seus crebanoces na man, no seu taller centenario de A Mouteira, en Berres. EDUARDA ARMADA
photo_camera Isabel Neira cun dos seus crebanoces na man, no seu taller centenario de A Mouteira, en Berres. EDUARDA ARMADA

"Supoño que son torneira porque na miña casa foi o que vin". A explicación a que cambiase a probeta polo torno nada máis acabar a carreira de Química está na tradición familiar. "A meu avó sempre lle gustou moito a súa profesión e para min era entrañable;  encantábame escoitar as súas historias". Hoxe, Isabel Neira é a sétima xeración do taller centenario da Mouteira, na parroquia estradense de Berres, a primeira e única muller da saga que se dedica a este labor e tamén a única torneira exercendo a profesión en Galicia, segundo o rexistro da Dirección Xeral de Comercio. O seu crebranoces, a peza coa que reinaugurou a colección de menaxe á que decidiu darlle pulo ó tomar as rendas do obradoiro, con 24 anos, véndese hoxe na Tate Edit, a tenda de decoración para o fogar da galería de arte moderno e contemporáneo do Tate Modern de Londres.

A súa arte chegou á cidade do Támesis "de rebote", segundo ela mesma di. O seu taller está rexistrado dentro da marca Artesanía de Galicia, que participa en diferentes mostras internacionais. Foi no London Desing Festival  onde xurdiu o contacto coa tenda Momosan Shop, que dende hai dous anos conta co crebanoces de Neira na súa oferta de produtos. Os responsables das tendas do museo londinense pedíronlle a diferentes comercios da cidade que lles recomendasen, de entre os artigos que vendían, algúns que tiveran encaixe no seu perfil. Unha das pezas que escolleu o Momosan Shop foi a da estradense, que dende finais do ano pasado vende exemplares na prestixiosa tenda do museo.

"É un artigo que gustou, pero non sei como está funcionando na tenda. Descoñezo que vendas está facendo, pero esta Semana Santa uns compañeiros que a visitaron corroboraron que alí estaba o meu crebanoces" (ri). E ela, "orgullosísima" da súa peza, un deseño clásico cun corpo cilíndrico de madeira de freixo e un parafuso para apretar o froito feito con ameneiro ou vidueiro. Toda a materia prima que utiliza é da zona, agás o freixo, que adoita ser de orixe francesa. "O que fixen foi levalo ó meu terreo. A maior parte dos corpos do crebanoces son cadrados e eu fíxeno cilíndrico".

"O que fixen co crebanoces foi levalo ó meu terreo; a maior parte dos corpos son cadrados e eu fíxeno cilíndrico" 
 

Unha peza case de colección, feita con mimo, coma o resto de artigos que saen do taller no que tamén traballa súa irmá, xa antes ca ela, dende os anos 90. Foi entón cando súa irmá e seu pai fundaron a marca Atalanta Madera Artesana, baixo a que seguen traballando. Fixérono para comercializar unha liña de iluminación en madeira deseñada pola moza e executada por el e, así, complementar o traballo que viñan facendo para carpinterías, ebanisterías e fábricas de mobles. "Realmente, o torneado non está de moda. A xente segue consumindo madeira no día a día, pero o tipo de mobles que se demandan non teñen partes redondeadas, polo que o meu traballo de torneira de mobles está á baixa. Iso obrigoume a romper a cabeza e retomar a parte de menaxe, algo que sempre se fixera no taller. Aí empecei co crebanoces, a primeira peza coa que reinauguramos a sección de menaxe", explica.

PRATOS REINVENTADOS. A segunda reinvención foron os pratos de madeira, que mesmo ofrecen de cores, conseguidos cun verniz apto para uso alimentario. Partindo do típico de polbo feito con piñeiro, sacaron modelos de amieiro, vidueiro e faia coa característica de que todos eles son moi finos, con grosores que van dende os nove ós trece milímetros, e con distintos diámetros, dende os doce ata os vinteséis centímetros. O seu principal mercado é a hostalería.

Se vostede sentou na mesa dalgúns dos restaurantes do Grupo Nove, probablemente lle serviron nos pratos de Neira. O Atlántico (Madrid), A Maceta, A Markesa, A Tafona, Eirado da Leña ou Boketé son algúns dos negocios que apostan polas creacións da estradense, que tamén ten os seus pratos no Momosan, pezas que, ademais, chegaron a Xapón a través dun contacto na feira londinense.

"A miña materia pendente é darme a coñecer", sinala ó carón do torno eléctrico que herdou de seu pai e que segue empregando no taller, que "está tal cal o tiña el". Nel prepara os encargos e tamén "novas pezas", coma espátulas e rodillos de masa, que conta presentar na feira Saberes y Sabores, que se celebrará o próximo maio no Palacio de Santa Bárbara de Madrid, dedicada a artesáns e pequenas empresas de alimentación tipo gourmet. "De momento, a nosa proxección comercial é moi local, moi reducida", di dende a humildade que lle fai valorar, pero non presumir, do seu salto internacional.

Sen esquecer as raíces nin perder a esencia, dende hai uns días, os seus produtos levan gravado a lume a imaxe corporativa da firma: un cabaliño de buxo que seu avó tallou coa navalla, que "aínda está pola casa e ó que lle gardamos moito cariño" e cuxa historia reserva para contar un día destes na súa conta de Facebook, @atalantamadera.

Comentarios