Sonia Mateos: "A xestión apaixóname e a arte fascíname"

A xefa de xestión administrativa do museo de Pontevedra foi a persoa clave na adquisición do álbum Nós 
DAVID EDIFICIO ADMINISTRATIVO DO MUSEO (fronte aos sindicatos): entrevista con Sonia Mateos, a xefa economica do Museo ***PARA A ULTIMA DO LUNS, jueves, 21 ene · 11:00–11:00
photo_camera Sonia Mateos. DAVID FREIRE

Vostede foi unha persoa clave na negociación da compra do álbum Nós por parte do Museo de Pontevedra á familia Lino. Foi moi difícil xestionar esta adquisición?
Non foi complicado porque había unha disposición moi boa por ambas partes. Dende que a familia nos informou de que a súa intención era vender a obra, puxemos todo o procedemento en marcha para que quedase no Museo. Si que houbo unha negociación, pero foi doada porque eles preferían que a obra quedase aquí e porque sabían das limitacións que tiñamos no ámbito orzamentario ao ser unha administración pública.

O día que se desvelou que familia era a propietaria da obra tamén se indicou que, de ter saído ao mercado, o seu prezo sería moito máis alto [o Museo adquiriuna por 650.000 euros]. Isto é certo?
Si, é así. O prezo dunha obra de arte márcaa o que estea disposto a pagar o que a queira mercar. E o Museo tiña noticias de que había interese por esta obra de Castelao. Nós partimos da valoración que fixera o seguro e, a partir de aí, negociamos coa familia. Afortunadamente conseguimos chegar a un acordo.

Para vostede tivo que ser algo especialmente satisfactorio.
Claro que si. Traballar no Museo en xeral é moi satisfactorio porque podes ver realizados todos os proxectos que se poñen en marcha. Non se traballa nalgo abstracto como noutros ámbitos administrativos. É moi gratificante nese sentido. Conseguir que saia ben unha negociación como esta é moi bonito. A maiores é evidente que ten tamén un punto sentimental para todos.

É quen se ocupa dos números nunha institución na que o resto do persoal está centrado na arte.
Si, son a parte cerebral. Somos os que nos adicamos á parte orzamentaria, de recursos humanos, de xestión de procedementos...

E como son os números do Museo? Están saneados? Son bos?
Son bos. Non hai queixa. Temos sorte porque o equipo de goberno fixo un esforzo moi grande por apostar polo Museo de Pontevedra e pola cultura. Estamos saneados e temos un orzamento moi importante que inclúe, entre outras cousas, un apartado de investimentos clave para sacar adiante o noso plan xeral de actuación, que é a nosa folla de ruta.

"Estou feliz de traballar nun sitio como o Museo, rodeada de tanta beleza"

Aínda que houbo un precedente similar nunha etapa anterior, este cargo de xefa económica do Museo inaugurouno vostede. Non sei se o asumiu como un reto ou se o fixo con dúbidas?
Como un reto. Creo que non tardei nin dous minutos en aceptar a proposta. O que me ofrecían era algo marabilloso porque, á parte da xestión administrativa que é ao que adiquei case toda a miña vida profesional e que é algo que me apaixona, a arte é algo que me fascina. Sempre soñei con que, ao xubilarme, podería adicarme a algo relacionado co ámbito da cultura, traballar nunha librería ou nun museo... Meu fillo lémbramo moito dicíndome: "Ves? Ao final estás no sitio no que querías". Estou feliz de traballar nun sitio así, rodeada de tanta beleza.

Atopou o Museo que agardaba? Ou houbo algo que a sorprendera?
A verdade é que, como levaba moitos anos traballando na Deputación, xa coñecía directa ou indirectamente o persoal e a estrutura organizativa do Museo. Sabes que me sorprendeu? O equipo humano que atopei. Impresionante. A nivel técnico, brutal. E, despois, con esa parte tan emocional, con tanto corazón. Isto é algo que non atopas en todos os lados. A xente aquí é realmente unha apaixonada do seu traballo.

É moi complicada a relación da dirección artística coa económica?
A verdade é que non. Temos moi boa sintonía. Compartimos moitas cousas e compenetrámonos moi ben. Os dous vimos de traballar moitos anos na administración e nótase. Temos moi claras as liñas estratéxicas e unha visión compartida de cara onde debemos camiñar. Neste sentido, eu só podo dicir que estou encantada de traballar con este director artístico [Xosé Manuel Rey]. É moi fácil.

Ten unha ampla experiencia na administración provincial.
Levo 25 anos na Deputación.

Traballou no departamento de Recursos Humanos; foi xefa de xestión da Cidade Infantil Príncipe Felipe e tamén xefa de xestión no Servizo de Infraestruturas e Mobilidade. Exercendo estes cargos de responsabilidade atopou machismo?
A verdade é que non. Tamén teño a sorte de traballar na administración pública, que probablemente é máis coidadosa nese aspecto. Fóra dos micromachismos que todas padecemos e contra os que loitamos todos os días, non podería sinalar nada. Quizais atopei máis suspicacias pola idade que polo xénero. Pensa que cando comecei a exercer a xefatura de xestión tiña 32 anos. Non foi doado. Pero nunca tiven a impresión de ser tratada diferente por ser muller.

Adícase unha á xestión por vocación ou porque a levou aí a vida?
Eu teño a sorte de adicarme ao que me gusta. Cando dis que tes vocación de servizo público parece que soa pouco glamuroso, pero a min sempre me gustou o Dereito Público. Xa durante a carreira decidín que quería traballar na administración. Busquei unha oposición que tivese que ver co que máis me gustaba: xestión, urbanismo, cultura... Así entrei na Deputación de Pontevedra.

Sexa franca: é moi difícil lidiar cos políticos?
Depende do político. Eu recoñezo que tiven sorte e só me atopei con representantes políticos absolutamente respectuosos co meu traballo.

Comentarios