As subvencións aos equipos pontevedreses axilízanse

O concelleiro de Deportes convoca a un centenar de equipos a unha macrorreunión para explicar o incremento de axudas para as EDM 
Tino Fernández, na reunión cos equipos pontevedreses. DP
photo_camera Tino Fernández, na reunión cos equipos pontevedreses. DP

A concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, convocou este mércores a un cento de clubes deportivos de Pontevedra a unha macrorreunión para dar conta das medidas adoptadas polo seu departamento para resolver o pago das subvencións anuais e incrementar as axudas por neno nas Escolas Deportivas Municipais.

O edil do PSOE aproveitou o encontro, que tivo lugar nas instalacións do Pavillón dos Deportes, para tomar boa nota das inquedanzas das entidades e garantizarlles “que se van estudar fórmulas que permitan axilizar ao máximo os procedementos para o pago das vindeiras subvencións”.

Tino Fernández lembroulles que, tras estes primeiros 100 días á fronte da concellería, “xa se conseguiron desbloquear 600.000 euros relativos ás axudas anuais de 2017 e 2018, que os clubes terán nas súas contas bancarias antes de que remate 2019”.

Segundo apuntou, os equipos aínda dispoñen de prazo até as 23.59 horas do vindeiro mércores 2 de outubro para presentar as solicitudes correspondentes ás subvencións da tempada pasada.

O socialista tamén se amosou moi satisfeito pola cifra récord de 2.000 preinscricións rexistradas para as Escolas Deportivas Municipais 2019-20, cuxos listados provisionais permanecerán expostos ata este xoves pola noite no taboleiro oficial do Pavillón, a páxina de Facebook Deportes Pontevedra e a área de Deportes da web ‘http://www.pontevedra.gal'.

"A Concellería de Deportes -sinalou Tino Fernández- incrementou en 108.000 euros a achega destinada a subvencionar as Escolas Deportivas, pasando de 142.000 a 250.000 euros, o que se traduce nun aumento das axudas en 22 euros por rapaz inscrito (de 60 a 82 euros por neno) e que nos permite a cobertura de ata 2.500 prazas".

Comentarios