Suculentas tapas de película

O FIC Bueu lanza 400 botellas dunha edición limitada de cervexa artesanal feita en Cangas

Silvia Carballo e Manuel Pena. M.A.
photo_camera Silvia Carballo e Manuel Pena. M.A.

Bueu vai ser durante os vindeiros días o centro neurálxico das curtametraxes internacionais, pero tamén se vai consagrar como localidade gastronómica e cervexeira. E é que durante os nove días que dure os festival son 14 os establecementos hostaleiros os que ofrecerán á súa clientela unha serie de tapas feitas en exclusiva para o festival e que recibirán denominacións de películas de cine. É a 'Ruta das Tapas 5 Estrelas'.

Os establecementos hostaleiros amosan a súa satisfacción coa posta en marcha desta iniciativa

Haberá dous premios para as mellores tapas. Un concedido polo Xurado Internacional do FIC Bueu, do que formarán parte cineastas internacionais, e outro que outorgarán todos os participantes na ruta, conformando un xurado popular. E tamén haberá premio para os "tapeadores", pois entre todas as persoas que emitan o seu voto sortearase unha cea para dúas persoas nun dos establecementos participantes no roteiro.

Os establecementos hostaleiros amosan a súa satisfacción coa posta en marcha desta iniciativa que relanza o seu negocio e permítelles continuar "facendo o agosto" tamén durante uns días do mes de setembro. De feito, na edición de 2017 algúns locais chegaron a repartir preto de 800 tapas durante os días que durou o festival.

O FIC Bueu tamén estrea este ano unha edición limitada dunha cervexa artesanal etiquetada co nome do festival

A GUINDA. "A hostalería amosa cada vez máis interese por este tipo de iniciativas", apuntaba este xoves a concelleira de Promoción Económica de Bueu, Silvia Carballo, que recordou que no municipio se poñen en marcha outras dúas rutas de tapas máis ao ano. Para o alcalde, Félix Juncal, esta iniciativa é "a guinda a un proxecto cultural e social que pon a Bueu no mapa internacional".

Por outra parte, o FIC Bueu tamén estrea este ano unha edición limitada dunha cervexa artesanal etiquetada co nome do festival e que foi elaborada do municipio veciño de Cangas. A bebida, da que tan só haberá 400 botellas, poderase probar Centro Social do Mar e tamén en algúns dos establecementos participantes na Ruta das Tapas.

A undécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu arranca este venres cun gran acto de inauguración no que se estrearán as curtametraxes realizadas no marco da Área Social do FICBueu, apoiada pola Obra Social "la Caixa". O evento, no que intervirán os colectivos participantes, contará coa presenza dalgúns dos actores e actrices protagonistas, como David Seijo, Mónica Camaño ou Sabela Hermida.

NOITE. A partir das 21.00 horas proxectaranse no Centro Social do Mar os títulos "Conspiración romántica", elaborado no Colexio de Educación Especial de Vilagarcía; "Fala calado", autoría da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam), e "A mentira secreta", obra da Asociación Juan XXIII de Cangas. A premiere estará ademais amenizada polo pianista Severiano Casalderrey e a violinista Amara Ríos.

A música comezará a soar xa ás 20.30 horas da man de 'The Alley Stompers', unha singular proposta que recreará a atmosfera da New Orleans dos anos 20 e 30 nos exteriores do auditorio. O grupo de jazz acompañará ao público tamén á saída, ata o Punto de Encontro, onde terá lugar unha cata de viños cortesía de Don Pedro de Soutomaior.

Comentarios