Susana Pedreira: "Por que ía preferir facer radio dende Madrid?"

Lectora voraz, feminista e xornalista, Susana Pedreira conduce, dende Pontevedra para España, Un alto en el camino, de Onda Cero
20190807 152 emilio moldes
photo_camera Susana Pedreira (Vitoria-Gasteiz, 1983). EMILIO MOLDES

Cando ten programa, érguese vostede ás 6.30 horas...

Ás 6.20 exactamente.

Todas as fins de semana do mes de agosto, érguese ás 6.20 horas para facer un programa de radio.

Iso é. Todo o peor, madrugar, no verán, en agosto, nas fins de semana... Pois todo xunto. E o máis grave de todo é que eses días xa durmo mal. Eu, que son súper durmiñona! Así que en canto soa o espertador, nin o penso: érgome. Despois, ese cansazo acumulado pásame factura unha vez que remato o directo, que é cando sinto de golpe todo o que non durmín.

Din que Iñaki Gabilondo subía á terraza da emisora a ver amencer. Vostede ten algún ritual de madrugadora?

Que va. Nada. O único que, a pesar da hora, fago un almorzo con total normalidade na casa. Necesito tomar o zume, as torradas, o café... antes de saír. Pero ritual ningún. Bastante teño con sobrevivir! (ri) Almorzo e tiro para a emisora. Fíxate, ese, o do camiño ao traballo, é quizais o momento máis difícil. Pensa que son as sete menos dez da mañá e que vou polas rúas Benito Corbal, Sagasta, unha zona moi céntrica... Fins de semana de agosto! Adoito a coincidir con todo o mundo que volve de festa en malas condicións e xa me teño levado algún susto. De feito, dende que o ano pasado, cando un tipo me parou e me bloqueou tratando de darme unha aperta, vou sempre cun spray de pementa. É verdade que son moi "miedica", pero a sociedade fai que o sexa aínda máis.

E a pesar de todo isto, está feliz de volver facer, por terceira vez, Un alto en el camino (sábados - de 08.00 a 12.00- e domingos -de 08.00 a 11.00- en Onda Cero).

Súper feliz. Para min é unha oportunidade inmensa. Levo dez anos facendo radio local e radio a nivel autonómico (Gente viajera), pero que se fixaran en min para facer un programa a nivel nacional é un luxo. A proxección é completamente diferente.

Vostede é unha xornalista de radio. Nunca tivo dúbida?

De radio radio. Eu estudei xornalismo para traballar na radio. Era un soño, claro. Non sabía se podería ser posible. Sempre o conto: estudei xornalismo porque quería facer entrevistas como Rosa Montero e porque quería traballar na radio como Julia Otero.

E conseguiu as dúas cousas.

Si! E dende a radio local, que é o que máis me gusta. Porque, moitas veces, a xente infravalora o traballo dos medios locais. Despois de dez anos facendo Pontevedra na Onda ves o xogo que dá a información de proximidade, a cantidade de cousas diferentes que podes facer. Precisamente agora, con Un alto en el camino, moita xente pregúntame se non preferiría irme a Madrid a facelo dende alí. Por que o ía preferir? Non, non o prefiro. Por que non se pode facer un programa nacional dende Pontevedra?

De feito, un dos grandes méritos do programa é que demostra que é posible facer radio para toda España sen estar en Madrid ou en Barcelona.

Un dos nosos obxectivos, precisamente, é fuxir do centralismo. Xustamente porque nós estamos nun recuncho e sabemos o que é padecelo, o que é consumir milleiros de informacións que en realidade son locais, que afectan a Madrid ou a Barcelona e que che están vendendo como de interese xeral.

Polas súas conversas con escritores na librería Cronopios é vostede moi coñecida na cidade. Cantos libros le ao ano?

Non tantos como parece.

Parecer parece que le moitos.

Non, que va. Fíxate, para min o de Cronopios é un dos mellores proxectos que saíu da nosa radio local. Grazas tamén a que esa librería é como é e se presta. Quería facer algo fóra da emisora. A idea era diferenciarnos, facernos visibles, achegarnos a xente que, ao mellor nunca nos escoitara, pero que de repente vía na librería que esa entrevista ao escritor que lle gustaba ía ser en Onda Cero. Pero, aínda que non o pareza, dende que fago as entrevistas de Cronopios, leo menos. Porque esas presentacións obríganme a ler eses títulos concretos e é unha lectura diferente, non por pracer: vas anotando, vas suliñando, vas lento. Así que, igual nese mes, só leo ese libro. O meu sprint persoal fágoo nas vacacións. Eu que sei, igual leo 20 libros ao ano.

Dígame unha entrevista desas de Cronopios que nunca esquecerá.

Rosa Montero. Xa che dixen: estudei xornalismo porque quería facer entrevistas como ela. A primeira vez que veu a Cronopios para min é inesquecible. Pero é que, por enriba, non é só que a admirase moitísimo e me fixese moita ilusión poder entrevistala, é que, despois, cando a coñeces, ves que aínda hai moitos máis motivos para admirala aínda máis.

Fan falta máis mulleres opinando e dirixindo. Somos maioría nas redaccións, pero non se chega aos postos de poder

Rosa Montero tamén participou no congreso As mulleres que opinan son perigosas, que vostede dirixe xunto a Diana López Varela. Vai haber terceira edición?

Non o sei. Estamos dándolle voltas a se ten sentido unha terceira edición tal e como foi concibido o congreso. Quizais habería que repensalo. Estamos nun momento de debate interno.

Ese congreso comezou as dúas edicións achegándolle un detalle moi significativo ao público: na radio española, os bos días dábanos homes, coa excepción de Pepa Bueno. Fan falta máis voces femininas na radio española?

Si, sobre todo opinando, dirixindo e coordinando, sendo líderes. Nas redaccións somos maioría de mulleres. Pero, despois, salvo excepcións, non chegamos aos postos de poder. Fan falta máis.

Comentarios