"A tendencia dos fogares dunha soa persoa segue medrando e nin sequera a crise a freou"

O avellentamento da poboación é un dos factores que inflúe no aumento de fogares unipersoais, un feito que terá consecuencias nas que "debemos pensar xa", di este profesor da área de Socioloxía da UVigo

Xesús Lage

O aumento dos fogares unipersoais, é unha tendencia que vai a máis?

Si e é unha tendencia que non é de agora, senón que vén de hai 40 anos. Este incremento é un indicador de modernización, se ben respecto a outros países europeos aquí está frenado por determinadas características que se dan en España e que comparte Galicia. Por exemplo, o feito de que aquí a xente moza se emancipe moi tarde polos problemas de inserción no mercado laboral e as dificultades para acceder á vivienda tanto en propiedade como de aluguer. Con todo, a tendencia dos fogares unipersoais segue medrando e nin sequera a crise económica a freou, pese a que tanto España como Galicia son territorios nos que a familia é un valor moi forte e o familismo actívase en momentos de crise.

Que factores están detrás do incremento dos fogares dunha única persoa?

Principalmente o avellentamento da poboación. O grupo máis numeroso de fogares unipersoais é o das mulleres, especialmente as viúvas. A estas séguenlle os solteiros de 30 a 39 anos que aínda non accederon ao matrimonio ou ás unións de feito e que aprazan proxectos vitais porque non poden pola falta de estabilidade, pola precariedade nos empregos, a dificultade en acceder á vivenda... Os separados ou divorciados representan unha porcentaxe moi baixa no total de fogares unipersoais.

Tendo en conta que o avellentamento é unha das principais causas para o crecemento desta tendencia, dáse con maior intensidade en Galicia, que ten unha poboación máis avellentada?

A tendencia é xeralizada e rexístrase en todos os países desenvolvidos. Datos de 2015 do Observatorio Urbano de Pontevedra, no que está un grupo de investigación do Campus, sinalan que entre os sete municipios máis populosos de Galicia, Vigo e Pontevedra son os que teñen menor número de fogares unipersoais: no Concello capitalino a porcentaxe é do 19,93% e en Vigo, do 19,35%, e os dous están por baixo da media galega e tamén do conxunto do Estado, que en 2016 estaba no 25,2%. Iso débese a que estes dous municipios son os que teñen a poboación máis nova e os que rexistran máis parellas con fillos e estas circunstancias ralentizan o fenómeno dos fogares unipersoais.

Que consecuencias pode ter o incremento de vivendas cun único habitante?

Pode telas no mercado inmobiliario, pois pode facer oscilar a tendencia da vivenda en aluguer rompendo a tradición da vivenda en propiedade. Por outra banda, se falamos dunha atomización, dun progresivo envellecemento da poboación, que é a que engrosa os fogares das persoas que viven soas, isto pon de relevancia o tema da dependencia e a necesidade de formas de convivencia nos fogares que tenten repensar as condicións de vida dos maiores para que, polo menos, se non están acopañados, se sintan acompañados. Falamos de pensar nas dificultades que supón que non hai residencias para todos, nin recursos para atender esas residencias, nin oferta de residencias públicas. Teremos que pensar en como organizar todo iso para cando os que formamos a xeración do baby boom cheguemos a esas idades de ter problemas de saúde e achaques, á situación de retiro. Visto o perfil sociodemográfico, na maioría dos casos os que viven sos non o fan como resultado de decisións persoais, senón como resultado das condicións do ciclo vital, como é quedar viúva ou viúvo, ou condicións socioeconómicas, porque se o mercado laboral lle permitise á xente nova emanciparse, habería moitos máis fogares unipersoais.

Comentarios