Imprimir

"Teño a sensación de estar ante un novo comezo"

Diario de Pontevedra | 02 de Febrero de 2019

O escritor pontevedrés Marcus Daniel Cabada. ADRIÁN GONZÁLEZ PÉREZ
O escritor pontevedrés Marcus Daniel Cabada. ADRIÁN GONZÁLEZ PÉREZ

"Agardando a escrita que non chega/ eludimos o legado na eternidade", di nun dos seus poemas Marcus Daniel Cabada. O pontevedrés presenta este domingo a súa nova obra acompañado polo editor Wladimir Vaz, polo profesor da Universidade de Santiago Israel Sanmartín e polas poetas Silvia Penas e Tamara Andrés.

ESCRITOR, poeta, crítico literario e editor da revista literaria ‘Ligeia’, Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) é un autor precoz que escribiu o seu primeiro poema con 8 anos e comezou a publicar textos nun xornal, Diario de Pontevedra, con 15. ‘Metafísica da ausencia’ é o seu cuarto libro trala novela lírica ‘Triste escarlata’ (2013), o conxunto de relatos psicolóxicos ‘Desagravio de la derrota’ (2015) e o poemario ‘El llano circular’ (2017). O ano pasado foi incluído na antoloxía ‘Dentes para a mazá [doce poetas en creación]’, editada por Chan da Pólvora. Mañá presenta a súa nova obra, publicada por unha editorial brasileira, Urutau, e na que traballa por primeira vez en lingua galega, no Espazo Nemonon (19.30 horas, entrada libre).

Que é ‘Metafísica da ausencia’?
É unha obra na que reúno poemas escritos especificamente para ela. O meu interese é poder cartografar todo o que pode incluírse precisamente na metafísica dunha ausencia: a morfoloxía da nada, toda a materia coa que se pode encher a nada, os seus procesos, os seus estados, etc.

Son poemas recentes?
É toda escrita recente, pero con vontade universal. Quero dicir que busco reflexionar sobre cuestións universais da propia literatura sobre as que veño estudando, reflexionando e descubrindo nos últimos anos. A miña intención pasa por plasmar a historia do pensamento dende un punto de vista físico, incluso cosmolóxico, pero non por iso menos íntimo ou menos surrealista.

Interésalle a filosofía.
Si. De feito, eu son lector de autores e autoras máis transcendentes nun senso non de relevancia, senón de interese pola propia existencia, do grao de verdade da propia vida humana. A problemática esencial, non só do poeta, senón do ser humano en xeral, é o tempo. Dese tempo parten todos os temas, que no caso da miña obra son múltiples. Pero se hai un que me obsesione máis que outro é a existencia dunha fala, pero dunha fala calada, unha fala silenciosa, un degoiro que se ampara precisamente na propia palabra, na capacidade experimental da palabra e da luz que pode iluminar esas gretas. Estou pensando en poetas como Alejandra Pizarnik ou Blanca Varela.

É vostede un escritor moi novo que xa conta cunha traxectoria propia porque comezou a publicar sendo apenas un adolescente. En que momento cre que está como autor? Parécelle que cambiou moito a súa escrita dende que comezou a publicar?
Máis que de cambiar, eu falaría de evolucionar. A miña primeira novela publiqueina con 17 anos e escribina con 15. Obviamente é unha obra dun adolescente. Agora mesmo teño a sensación de estar ante un novo comezo. Por varias razóns. Por exemplo, é a miña primeira obra en galego. Despois, é tamén a miña primeira obra verdadeiramente meditada, non sei dende un punto de vista ambicioso, pero si dende un punto de vista do que busca a transcendencia das cousas.

Como foi que acabou publicando o poemario coa editorial brasileira Urutau?
Simplemente trátase de abrir posibilidades, de poder publicar noutros países, neste caso en Brasil e Portugal. Todo comezou co envío da miña escrita e a resposta positiva de Urutau. Non hai máis. Foi bastante sinxela. Non é unha editora estranxeira. De feito, os que publica en galego están rexistrados en Galicia á parte de en Brasil. Pero sempre é curioso poder levar a túa obra a espazos descoñecidos, incluso misteriosos e, por suposto, intigrantes. A ver que depara.

‘Ars poética’
To be, or not to be, that is the question —Hamlet Agardando a escrita que non chega/eludimos o legado na eternidade/herdando da pulcritude dos persas/a antiga prosodia de rosas e xasmíns/mais lembrando a esencia primeira do poema/prorrogando na certeza unha luz sagrada/deshabitamos a imaxe estática do tempo/e esquecemos na noite os cismas da existencia/ á desarraigada voz dunha pregunta...
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/teno-sensacion-estar-novo-comezo/201902021853021020677.html


© 2019 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)