Teresa Guerra Díaz recibirá o Premio 8 de Marzo de UGT

A homenaxe a esta muller, que se xubilará en abril como limpadora no Hospital Provincial, celebrarase o mércores

O sindicato UGT conmemorará un ano máis o Día Internacional da Muller Traballadora coa entrega do Premio 8 de Marzo, un galardón que trata de expresar o recoñecemento que os e as traballadoras desta entidade fan ás mulleres que se teñan distinguido pola defensa e a reivindicación da igualdade de dereitos, en especial no eido laboral e dende a súa labor sindical. Nesta ocasión a elixida, a proposta da Secretaría de Muller e Igualdade, é Teresa Guerra Díaz. Esta porá fin o vindeiro mes de abril á súa traxectoria laboral, que comezou aos 14 anos nun ultramarinos e rematará tras xubilarse como limpadora no Hospital Provincial.

Teresa (máis coñecida polos seus achegados como Tere) non só tivo que comezar a traballar moi nova, senón que tamén sufriu en primeira persoa o machismo máis arcaico dunha época que se resistía a desaparecer. No ano 1977, ao casarse, foi despedida da empresa na que traballaba pois, como ela mesma explica, "non admitían mulleres casadas ao considerar que tiñan outras obrigas que atender".

Cos catro fillos, a máis pequena deles de dez meses, Tere reingresou no mundo laboral no ano 1991 e incorporouse como traballadora da limpeza no Hospital Provincial, onde agora non só deixará compañeiros, senón tamén amigas e amigos e unha estela de compromiso persoal, laboral, sindical e solidario.

"Seguro que hai outras mulleres con mais méritos ca min para recibir a homenaxe", sinala agradecida ás persoas que a propuxeron.

O acto de homenaxe celebrarase o vindeiro día 7, ás 12.00 horas, na sede de UGT na cidade de Pontevedra.

Comentarios