Opinión

Tocando as nubes cos pés / O misterio sen fin

Tocando as nubes cos pés

Manuel é un neno de 6 anos ao que lle gusta moito ir á casa dos avós na aldea porque o pasa moi ben. Teñen unha randeeira colgada dun carballo e, aínda que a avoa sempre lle berra ao avó por empuxar tan alto o neno, este sempre o empuxa tan alto que parece que Manuel vai tocar as nubes cos pés e iso ao pequeno encántalle.

Ás galiñas tamén lles debe gustar aquela randeeira, porque unha noite que o avó se esqueceu de pecharlles a porta do galiñeiro, á mañá seguinte unha das galiñas estaba sentada enriba da randeeira como esperando a que o avó a empuxase tan alto como a Manuel.

Unha fin de semana, cando Manuel foi á aldea, díxolle ao avó que cando acabase de facer os traballos fose empuxalo moi alto na randeeira, pero cando chegaron alí, Manuel levou un desgusto moi grande e botouse a chorar porque o temporal rompera a rama e a randeeira estaba tirada no chan.

-Non te preocupes, campión, que isto o solucionamos pronto —díxolle o avó a Manuel—. Vouno a sacar desa rama e colgalo noutra que estea ben. Manuel púxose moi contento, porque o avó o volveu empuxar tan alto que xa volvía a tocar as nubes cos pés e, cando viñesen os seus amigos, íano pasar moi ben todos xuntos.

Cada vez que Manuel se arrandea, as galiñas non deixan de mirar para el e para aquela randeeira que sobe e baixa sen parar.

Manuel Rodríguez Rajoy

CEIP  Figueiroa [A Estrada]

O misterio sen fin

Metín a man no peto e toqueina coa punta dos dedos. Non podía crer o que estaba sentindo, era fría e metálica, saqueina para vela mellor. E alí estaba! Miña non era! Eu non gardara aquilo no meu peto! De onde sairía?

Era rara, nunca na miña vida vira unha igual. Os seus dentes eran afi ados, a súa cabeza tiña oito buratos e… ao darlle a volta, vin un signo.

Fun ao meu cuarto e comprobei que era antiga.

Ao acabar de comer, fun á biblioteca e collín os libros máis vellos: un diario do meu tataravó, un relato e un libro de poemas.

Deixei o relato e lin os outros. O de poemas non mencionaba nada, no outro, cando xa levaba a metade lido, vin algo que se parecía ao meu obxecto, unha chave. Na páxina dicía: "Se a chave tes, busca polos teus pés".

Vin todo o chan da biblioteca e atopei nunha táboa do chan o signo que estaba na chave. Levanteina e alí había un baúl co mesmo signo, intentei abrilo coa chave e funcionou, dentro había outra chave cun pergamiño que poñía: "Se chegaches ata aquí, non penses que é o fin. A Capela de Dous".

Pregunteille a miña avoa:

–Que é a Capela de Dous?

–Era unha biblioteca francesa —díxome.

–E… onde era? —preguntei.

–Pois era na rúa Costas, n.º 8 —respondeume.

Saín disparado.

Ao entrar observei unha pechadura e metín a chave. A porta abriuse.

Quedei parado un bo anaco, miles de bágoas comezaron a caer dos meus ollos. Pechei a porta e boteime a correr.

Ao chegar á ponte, tirei a chave ao río e seguín correndo.

Alba Sampil Ricón

CEIP  Santo Paio de Abaixo  [Redondela]

Comentarios