"Tócanos comezar de novo"

O pontevedrés David Cortizo e a cesureña Andrea Jamardo son as dúas persoas que están detrás da editorial Cuarto de inverno. Trala súa saída de Urco, os dous puxeron en marcha este novo proxecto que levaba apenas unhas semanas funcionando cando o coronavirus o freou en seco.
David Cortizo, editor de Cuarto de Inverno. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera David Cortizo, editor de Cuarto de inverno. GONZALO GARCÍA (ADP)

"NÓS ESTAMOS enfrontando a nosa propia desescalada", di David Cortizo (Pontevedra, 1978) sobre o momento que vive Cuarto de inverno. o selo que creou o ano pasado xunto a Andrea Jamardo, que conseguiu cinco candidaturas aos últimos premios da Gala do Libro galego e que convoca, xunto ao Concello de Pontevedra, o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

Como lle afectou a alerta sanitaria a Cuarto de inverno?
Mantivemos a presenza nas redes sociais pero, como tantas empresas, tivemos que pedir o cese de actividade por causa de forza maior. E nesas estamos ata o 30 de xuño.

O estado de alarma pillou á editorial nun momento delicado, case recén nacida.
Acabada de nacer. Fundamos a editorial en novembro de 2019 e comezamos a actividade un mes despois, no Culturgal. Aí arrancamos con dous libros: Be water, de Antía Yáñez, e Irmá paxaro, de Tamara Andrés. A finais de febreiro deste ano sacamos o noso terceiro título, Uralita, de Iria Pinheiro e María Lado, que tivo un percorrido de cinco días ou algo así. É unha novidade do mes de maio, que en realidade xa saíra á rúa. De feito, eu estaba en Lugo distribuíndoo o día que todo quedou paralizado. Leva dous meses agardando nalgunhas librerías a que todo pase.

Cuarto de inverno é o selo que fundaron Andrea Jamardo e vostede tras unha saída un tanto controvertida da editorial Urco na que viñeron traballando nos últimos anos. Con que obxectivos puxeron en marcha este novo proxecto?
O noso modelo de traballo, a nosa idea de como ten que ser o libro e como se ten que comercializar, chocaba coa idea da outra persoa que traballaba en Urco e finalmente coa da cooperativa que xestionaba o selo. Nese modelo de traballo noso están as bases fundacionais de Cuarto de inverno: ter un produto moi escollido, coidalo moito e acompañar a todas as persoas que participan nos diferentes procesos que o sacan adiante, autores, maquetadores, correctores, libreiros, etc. Todo iso que che comento non se pode facer se ti sacas ao mercado unha gran cantidade de libros. Unha empresa moi grande quizais si, pero unha pequena non. Nós preferimos ter un produto escollido, moi selecto, e acompañalo moi ben e durante moito tempo. Isto non fomos capaces de implementalo en Urco e, ao final, atopámonos cun choque de opinións. Así que decidimos poñer en marcha o noso propio proxecto.

Irmá paxaro gañou o premio ao mellor libro ilustrado na última Gala do Libro Galego, onde foi finalista a catro galardóns. Be water tamén foi finalista na categoría de mellor libro xuvenil.
Estamos encantados. Be water foi moi ben acollido polo público dende o primeiro día. De feito, houbo que reimprimilo rapidamente. A Irmá paxaro tamén lle foi ben, pero menos. Tivo, iso si, moi boa acollida da crítica. Aí están os catro nomeamentos da Gala do Libro: o que gañou, o de libro ilustrado, polos debuxos de María Montes, e outros tres: xuvenil, poesía e libro mellor editado. Que pasou? Que andado o tempo Be water empezou tamén a colleitar moi boas críticas e Irmá paxaro foi gañando lectores. Acabaron por quedar igualados e igualados para ben. Son dous libros que serán as nosas xoias para toda a vida. Para Andrea e para min foi moi importante e moi emocionante ver o traballo recoñecido.

Todas as súas autoras son mulleres. Vostedes dous xa facían moito fincapé no interese que tiñan por publicar a autoras na etapa de Urco. “Os homes diríxense directamente ás editoriais. Ás mulleres hai que buscalas: están máis ocultas, máis silenciadas”.
Reafírmome no dito, mais agora teño que dicir que en Cuarto de inverno non nos vemos tanto na necesidade de ir a buscalas. Estamos a recibir tanto obras de homes como de mulleres. En todo caso, Andrea e eu estamos especialmente cómodos traballando nun ambiente feminista. E non digo feminizado nin de mulleres, senón feminista, onde nos tratamos todos de igual a igual. A experiencia con todas as nosas autoras é afectuosa e moi profesional. Póñeno todo moi fácil.

Ademais, o Salón do Libro de Pontevedra deixou nas súas mans a convocatoria do III Premio María Victoria Moreno, que antes editaba Urco e agora editará Cuarto de inverno.
Iso ten que ver de novo cos afectos e coa familia de María Victoria Moreno, en concreto, coa filla da autora, Begoña Llácer, que foi a que nos animou a que se sacabamos un novo proxecto editorial propio lle presentaramos unha oferta ao Concello. Tanto dende a Concellería de Cultura como dende o Pazo da Cultura e o Salón houbo interese en que así fose e aí estamos Andrea e eu que, á fin e ao cabo, fomos quen o creamos.

Que retos enfronta agora o selo?
Ao tempo que todos enfrontamos a desescalada, nós tamén enfrontamos unha propia. Nela estamos. Haberá cambios na web e estamos preparando o que serán os próximos títulos. Tivemos que comprimir o calendario editorial. Despois, a ilusión futura pasa por cousas máis prosaicas como pedir un crédito para soster o proxecto a curto prazo, porque cremos que a longo ten moito futuro. A estas alturas, a idea era estar gozando dos éxitos e, mira, vémonos loitando como ao principio. Sete meses despois tócanos comezar novo. Iso si, mantemos a ilusión porque agora tamén sabemos que contamos con apoio. O máis complicado de xestionar é a incertidume.