Tomeza pon en valor as cerámicas de Isaac Díaz Pardo nunha exposición

Loli Beloso inaugura na súa casa a mostra Bicos de porcelana de Isaac sumándose ás homenaxes do centenario do seu nacemento
2020082212251245262
photo_camera Loli Beloso xunto ás cerámicas que compoñen a exposición e o busto de Isaac Díaz Pardo. CEDIDA

A exposición Bicos de porcelana de Isaac conmemorará desde este sábado ata o vindeiro 30 de agosto o centenario do nacemento do pintor, deseñador e ceramista galego Isaac Díaz Pardo. O lugar escollido para albergar a homenaxe é o fogar de Loli Beloso, na Valadiña número 22 de Tomeza.

A mostra está composta por diferentes obras do intelectual que recibiu a Medalla de Oro al Mérito en Bellas Artes no ano 2009. Os asistentes poderán contemplar un cadro pintado por Isaac no exilio e que pertenceu ao escritor Ramón de Valenzuela. Tamén están expostas porcelanas da primeira etapa de Isaac como ceramista así como do período de 'Celta Fábrica', que Díaz Pardo fundou no exilio xunto intelectuais como Luís Seoane. Outras pezas foron enviadas pola Escola Nacional de Cerámica de Buenos Aires.

Ademais, o padriño desta homenaxe é o pontevedrés César Portela, íntimo amigo do ceramista.

A mostra pódese visitar desde este sábado ata o 30 de agosto cun horario de 19:00h a 22:00h. No mesmo lugar, tamén se levará a cabo a presentación da cuarta edición do libro de Loli Beloso, Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos.

Comentarios