As mariscadoras da ría de Pontevedra poñen en práctica unha guía de coidados da saúde

Trátase dunha serie de coidados, consellos e exercicios básicos para aplicar antes de saír ao mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa

Un grupo de mariscadoras do fondo da ría de Pontevedra puxo este martes en práctica unha sesión demostrativa da rutina de exercizos recollida na guía visual recén elaborada polo grupo de profesionais, no marco dunha das accións do Galp da ría de Pontevedra, dentro do proxecto de cooperación Candieira.

No seo destas accións, e baixo o nome do programa Aliada, as mulleres estableceron contacto con tres profesionais do ámbito sanitario - unha enfermeira, unha matrona e unha fisioterapeuta- que lles axudaron a identificar as doenzas máis frecuentes entre as mariscadoras e a elaborar unha guía con consellos básicos para previr gran parte destes problemas de saúde.

Nesa guía, ademais de consellos sobre a protección da pel ou o vestiario, recóllese esta rutina de exercizos para realizar antes de ir ao mar e ao saír del, e evitar así problemas de musculatura e ósos no futuro.

Ao acto acudiu a  Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, Susana Rodríguez Carballo; a xerente do Galp de Pontevedra, Laura Nieto, así como o presidente da Federación de Confrarías, José antonio Gómez Castro, e o alcalde, Luciano Sobral.  

Algúns deles participaron na demostración dos exercicios.
 

Comentarios