Trasladan ao hospital a Luis Emilio Batallán tras catro días en folga de fame

Os médicos aconselleron o seu ingreso ante a aparición dos primeiros síntomas de debilidade seria

Batallán. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Batallán, este xoves no Colexio de Médicos. SALVADOR SAS (EFE)

Os médicos que fan seguimento ao compositor, músico e médico xubilado Luis Emilio Batallán durante a folga de fame que empezou o luns no Colexio de Médicos de Pontevedra recomendaron o seu traslado a un centro hospitalario para que reciba asistencia sanitaria. 

Batallán leva desde o luns sen inxerir ningún tipo de alimento e só bebe auga. A aparición dos primeiros síntomas de debilidade seria aconsellaron o seu traslado segundo informaron fontes próximas ao músico. 

O cantautor insistía en que tería que valorar se continuaba ou non coa folga, aínda que a súa intención era aguantar o máximo posible. O propio Batallán xa recoñecía o mércores que a partir do sexto día sen comer empeza a producirse dano renal irreversible e unha perda de masa muscular que xa non se recupera e que os problemas serios empezarían este venres. "O venres é o momento máis perigoso", indicaba. 

Ao mediodía deste mércores, cando se cumprían as primeiras 48 horas sen comer, empezou a notar os primeiros síntomas de debilidade, pero o cansazo físico e mental non alterou a súa vontade de seguir coa súa protesta "ata que o corpo aguante". Este venres, tras recomendarse o seu traslado, non realizou ningunha declaración, pero prevese que continúe coa medida de protesta. 

Luis Emilio Batallán púxose en folga de fame para "defender a dignidade dos profesionais sanitarios que están a traballar nunhas condicións lamentables", "conseguir que se acabe cos recortes na sanidade", protestar contra as xubilacións forzosas e dar "unha chamada de atención á Xunta e ao poder político de que isto non pode seguir así".