Trasnadas pola 'Festa do Demo'

▶ O demo, sen rabo desde o comezo, percorreu as rúas da cidade en compañía dos máis cativos, ante a atónita mirada de turistas e peregrinos
photo_camera O demo percorreu as rúas da cidade en compañía dos máis cativos. EMILIO MOLDES

Como "a quien madruga, Dios le ayuda", a Festa do Demo non comezou o venres até media mañá, interrumpindo a vida cotiá da cidade. O diaño e os catro secuaces repartiron tridentes entre a cativada reunida ás 12.30 horas nos Arcos de San Bartolomé, malia que moitos xa viñesen ben ataviados da casa, con cornos incluídos. Non así o demo, que perdía o rabo antes de chegar á primeira praza. Hai tradicións que se resisten a morrer.

Tras uns primeiros bailes xunto á parroquia de San Bartolomé, a comparsa capitaneada polo demo dirixiuse pola rúa Sarmiento até a Praza da Verdura, onde turistas abraiados non deixaban pasar a oportunidade de inmortalizar a escena.

De aí, a comitiva chegaba, rúa de San Román arriba, até a Praza da Ferraría. Após o estoupido dos petardos, o demo facía pasar aos meniños baixo o tridente, reconvertido en limbo, non sen antes asegurarse do malos que eran.

Coas crianzas que quedaban tras esta parada, o séquito zigzagueou baixo os soportais até a Praza de Curros Enríquez, onde se divertiron uns intres na fonte, ante o asombro de varios peregrinos.

Despois, baixando pola rúa Don Gonzalo, chegaban á Praza Méndez Núñez, onde os máis pequenos facían de novo unha roda ao redor do demo, que foi quen de recuperar a súa cola e até rematou saboreando algunha que outra rosquilla.

A continuación, esta sorte de pasarrúas, amenizado en todo momento pola música de Adarve, seguía polas rúas Martín Sarmiento e Real até chegar á Praza do Teucro, na que os trasnos do demo facían estourar os últimos petardos da mañá baixo o sol implacábel de pasado o medio día.

Porén, a algúns aínda lles quedaban forzas, e tras ir un chisco de gatiñas pola rúa Manuel Quiroga, a cativada botaba a correr detrás do demo ao longo de toda a rúa Don Filberto.

A despedida producíase nas portas do Teatro Principal, coas notas finais dos músicos e un último "cornos arriba!". Con todo, o demo non deixou de convidar aos cativos -e non tanto- a que volvesen pola tarde á segunda saída, que tiña lugar ás 20.00 horas. Para rematar a xornada, a Banda de Música de Salcedo foi a encargada do concerto de San Bartolomeu que comezaba unha hora despois na Praza José Martí. Na de Curros Enríquez, Os Chichisos e Os Sentenarios amenizaron coa súa música a Foliada do Demo.

Comentarios