Blog |

Turismo de clase

Nos anos noventa, só o un por cento dos músicos que lideraban as listaxes de éxitos británicas fora a colexios privados; en 2010 eran o sesenta por cento

pulp
photo_camera pulp

ELAINE CHEGOU a Lugo a principios de curso para facernos a vida máis luminosa. Ao andares cara á mediana idade, pásache coa xente moito máis nova que sentes que, en certa medida, estás a vampirizalas, a chucharlles —perdón— ese elixir da mocidade que elas posúen e que a ti se che esfarela como a area entre os dedos, que se che esgota ao igual cós óvulos, a paciencia e o coláxeno facial. 

Grazas a Elaine souben que as graduadas inglesas que proceden de familias traballadoras reciben co título unha mortaxa de cincuenta mil libras coa que comezan a súa vida adulta. Non empezan a devolver o crédito ata que cobran un mínimo de 21.000 libras ao ano, que é o salario mínimo interprofesional (no Reino Unido, enténdase), pero iso non é óbice para que os intereses medren a unha velocidade de varios centos de esterlinas ao ano. Seica, unha vez que chegan aos sesenta quedan exentas de continuar pagando, deus salve a raíña Sabela II. Aínda así, a débeda estará sempre presente. Cando asinen un contrato de aluguer. Se queren mercar un coche. Talvez no tempo no que fagan contas para mandar as súas propias fillas á universidade.

Rose Leslie e Kit Harington son ambos os dous descendentes de Carlos II de Inglaterra e acumulan as súas familias varios títulos nobiliarios 

Hai uns días casaron Rose Leslie e Kit Harington, actores. Coñecéronse en ‘Xogo de tronos’. Ela, escocesa, rubia, procedente de dous clans con cadanseu castelo nas Terras Altas pero que fala co máis requintado dos acentos londinienses; el, baixiño e cunha estudada deixadez, da Inglaterra sureña acomodada. Son ambos os dous descendentes de Carlos II de Inglaterra e acumulan as súas familias varios títulos nobiliarios. 

É común neste milenio que os actores ingleses (en Escocia e Gales a situación é sensiblemente distinta) procedan de contornas familiares privilexiadas. Aí o está o Benedict Cumberbatch, a anunciar o seu casorio no Times como os señoritingos do século XIX, ou Tom Hardy, exalumno de Eton en permanente turismo de clase.

Jarvis Cocker, o líder de Pulp, cantaba en ‘Common People’ como a xente guapa descubría as oportunigadis e trataba de facerse invisible entre a plebe. Eran os noventa. John Mayor continuaba o legado de Margaret Thatcher. As escolas públicas de artes eran absorbidas por carísimas universidades e desaparecían as axudas estatais para os creadores culturais. Nos primeiros compases de Tony Blair e o seu laborismo descafeinado, Pulp estrearía ‘Cocaine Socialism’. Xa neste milenio, David Cameron daríalle o finiquito ao que quedaba das bolsas de estudos e substituiríao por créditos. A banca sempre gaña.

A medida que se ía deteriorando o Estado de benestar, o pop deixou de ser un produto da clase traballadora e foise convertendo nun couto para as elites. Se a principios dos noventa só o un por cento dos músicos que lideraban as listaxes de éxitos británicas pasaran por escolas privadas, en 2010 a porcentaxe elevábase ao sesenta por cento: Lilly Allen, Florence Welch, Chris Martin, James Blunt, Radiohead, Mumford & Sons…

A proxenie da clase obreira precisaría catro xeracións para mellorar as condicións de vida dos seus

O que sucede entre o artisteo serve tamén para as xornalistas. Nas redaccións inglesas acumúlanse profesionais de familias que se poden permitir que as súas crianzas traballen de balde durante anos ou que mesmo paguen por faceren as prácticas. Eu non querería que me filtrarse o mundo xente que só viviu en cómodas burbullas de ouro, a verdade.

Sinalaba a OCDE —organización marxista e sediciosa— que o Estado español das autonomías e das comunidades de veciños ten o ascensor social avariado. Case que tanto coma o do Reino Unido. A proxenie da clase obreira precisaría catro xeracións para mellorar as condicións de vida dos seus. Tras escoitar o recén estreado ministro de Educación, entregado ás excelencias privativas, cabe pensar que nos vindeiros anos nas radiofórmulas españolas soarán máis taburetes, bad gyal, russian red e pablos alboráns. 

Comentarios