Última noite con voces de muller e música jazz

Cinco prazas da cidade acolleron na xornada de sábado recitais de poesía, concertos, regueifas e interpretacións teatrais
Ciclo Con Voz de Muller.CEDIDA
photo_camera Ciclo Con Voz de Muller.CEDIDA

A cidade despediu sábado dous dos ciclos que este verán conforman unha atípica programación cultural marcada polas distancias, o control de aforos e a implementación de medidas hixiénico sanitarias. Deste xeito, a semana de jazz chegou ao seu fin cunha actuación de Xosé Outón Trío e de Iago Fernández Grupo, dúas citas musicais con artistas locais. Outón, guitarrista de Ribadumia, actuou na Praza da Pedreira na noite de sábado xunto ao seu trío.

Pola súa banda, o grupo do baterista Iago Fernández puxo o broche final ás Noites de Jazz na Praza de España xunto a súa banda. Coas actuacións do serán de sábado remata o programa que viu substituír o Festival Internacional de Jazz, consolidado na cidade como cita do verán despois de 27 edicións. Porén, a pandemia obrigou á súa cancelación e o Concello compensouno co ciclo que rematou sábado no que participaron músicos locais.

Por outra banda, tamén sábado, finalizou o ciclo Con Voz de Muller, que se celebrou ao longo desta semana con actuacións musicais, de teatro ou narrativa. Deste xeito, na xornada de sábado artistas mulleres ocuparon tres dos escenarios habilitados nos barrios da cidade para actuar. Pola mañá,Silvia Penas ofreceu un recital titulado 'Cartografía'. Actuaron tamén Lupe e Alba María interpretando regueifas, así como a cantautora MJ Pérez, na Praza da Ferrería e as pistas de Campolongo, respectivamente. Á tarde, a praza da Curtidoira acolleu a música de Belén Tajes. Ademais, as Pandeireteiras de Verducido interpretaron o seu repertorio na Praza da Ferrería e a compañía de teatro Chévere representou 'As fillas bravas' nas pistas de Campolongo.

As actividades programadas repártense por diferentes escenarios para evitar aglomeracións e manteñen a partida orzamentaria para as grandes festas do verán, unha medida que o Concello defende como inxección ás empresas culturais locais en tempos de crise.

Comentarios