Os últimos bailes no SonRías

A xornada final do festival de Bueu deixou o pavillón alto
Público do SonRías. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Público do SonRías. ÓSCAR CORRAL

O derradeiro día do SonRías Baixas de Bueu conseguiu poñer onte o broche de ouro á edición de este ano, cunha xornada cargada de concertos a altura das dúas que a precederan. A mañá comezaba cedo para todos, e o aumento do volume de tráfico para entrar na vila indicaba que algo grande estaba por acontecer.

Un presentimento confirmado pola longas colas que se formaron para acceder ao recinto do festival, xa que o SonRías abría as súas portas a todos con dous concertos de balde.

Os primeiros en subir ao Fest Galicia foron Poetarras, a banda sorpresa desta edición que por unha hora voltaba aos escenarios no medio do seu parón. Malia a falta dun dos seus integrantes, o colectivo arteterrorístico triunfou ante un público que, baixo o sol implacábel de mediodía, quedaba con ganas de máis. A continuación, Sés tomaba o relevo na súa propia sesión vermú. O discurso da artista máis influínte da escena galega actual, traducido en cancións incorformistas de ritmos eclécticos, foi coreado por todo Bueu nun dos grandes momentos da xornada.

Após dos baños e petiscos da tarde e pouco despois das 20.15 horas, Boikot e a súa nova proposta conquistaban o escenario Super Bock entre pogo e pogo. A frescura das recentes incorporacións de membros doutros grupos complementouse á perfección co son dunha banda que, malia os seus trinta anos de carreira, aínda non parou de renovarse e sorprender. Logo chegaba o turno do hardcore punk de Segismundo Toxicómano. Os Segis deron un espectáculo intenso e contundente lembrando por que son considerados unha das figuras esenciais do punk estatal.

Sobre a media noite, e cun cambio de escenario momentáneo, os bilbaínos Zea Mays facían vibrar en euskera aos festivaleiros congregados diante do Fest Galicia, nunha mistura de tradición vasca e pop rock. De volta no Super Bock, a festa estaba asegurada da man de La Pegatina. O público, que non se resentiu malia a polémica eurovisiva desta pasada primavera, queimaba as calorías do día a giolpe de cadeira grazas ao cóctel musical dos cataláns.

Por último, os xa habituais Dakidarría encargáronse de convertir nunha festa a despedida do festival. Tras as notas das súas cancións máis míticas baixaba o pano do escenario principal. Para finalizar o DJ Ninhodelosrecaos acompañou aos máis reticentes até o peche do recinto, contra as catro da mañá.

Comentarios