Opinión

Un nome escrito con solfeo

CADA UN TEN os seus referentes na vida, unha especie de oráculo ao que un acude de vez en cando. Algúns deses referentes coñecémolos en persoa, témolos ao carón, e a outros coñecémolos polas revistas, os libros, a televisión ou cine. Un dos meus é Gustavo Dudamel, un venezolano que revolucionou a dirección de orquestra sinfónica e foi capaz de atreverse con obras que parecían imposibles. Teño unha especial debilidade por este home porque me gusta a música clásica, porque me gusta a xente atrevida e profesional, e porque adoro eses personaxes destinados ao fracaso estrepitoso que un día se atopan cunha pedra no camiño que lles fai coller a senda do talento e do éxito.

Dudamel é o mellor expoñente dun experimento didáctico que fixo outro músico fantástico que se chama José Abreu. Este home decidiu que a música era un camiño correcto para quitar da rúa a rapaces destinados a ser delincuentes, antes ou despois. Co seu método logrou crear unha rede de orquestras sinfónicas infantís en Venezuela que lle salvou a vida a moitos nenos e nenas. Gustavo era un destes, e grazas ao seu talento e á axuda de Abreu, logrou ser xa, sen chegar aos 40 anos, un portento.

Dudamel sabe que é un referente para moitos e vese chamado a falar sobre política de vez en cando. Hai dous días, no medio dos disturbios de Caracas, un talentoso mozo violinista que se estaba formado tamén no sistema de orquestras inventado por Abreu, morreu baixo os disparos da policía. Dudamel, ao que eu non vin posicionarse nunca politicamente, fixo un durísimo comunicado contra o goberno de Maduro expresando a súa amargura polo rumbo que está levando o país americano.

Dudamel fixo ben. Dudamel exerceu a súa opinión ante unha situación que superou claramente os límites que el mesmo se puxo. Ver morrer a un rapaz, que tranquilamente podía ser el mesmo, enfrontouno a unha realidade que precisaba da súa opinión.

Non teño moi claras cales serán as consecuencias deste escrito, nin as positivas nin as negativas. Para moitos, só será un intelectual que fala do que non debe e para outros moitos, será un claro exemplo de que a xente intelixente condena un réxime de goberno totalitario.

O que si sei é que o escrito de Dudamel vai ser un fito importante na situación actual de Venezuela. Moitos medios de comunicación internacionais, e moitas contas das redes sociais, xa falan do comunicado e xa se xerou un debate importante sobre o suceso. Xa sabemos que o rapaz asasinado se chamaba Armando Cañizales e que era un violinista chamado a tocar en centos de concertos por todo o mundo. Sen Dudamel, probablemente só saberiamos que un mozo radical foi abatido pola policía nunha manifestación contra o goberno de Nicolás Maduro.

Dudamel, polo de agora, xa conseguiu o primeiro obxectivo de poñerlle un nome, unha profesión e un futuro a un mozo que morreu dun xeito absurdo. E iso non está nada mal para empezar.

Comentarios