Blog

Unha aventura en Pontevedra / O raposo Luke

Unha aventura en Pontevedra

O OUTRO DÍA fun dar un paseo por Pontevedra. Estaban inaugurando un museo. 

Á semana seguinte vin na televisión que roubaran alí. Fun xusto unha hora despois e a porta estaba rota. Nese momento o alcalde daba un discurso, mentres os reporteiros da radio e da tele o gravaban. 

Como son xornalista pedinlles que me deixasen investigar, e os responsables do museo dixéronme que si. Así que púxenme mans á obra. 

Estaban case todas as portas e ventás rotas, e eu non paraba de sacar fotos. Tiña unha grande intriga por saber que pasara. 

Ao entrar quedei de pedra, era unha desfeita! Todo tirado por aquí e por aló. E, de súpeto, o propietario do museo acercouse e comentoume aliviado que ía ter unha axuda do banco, daríanlle os cartos suficientes para volver reconstruír o museo! Pareceume un pouco sospeitoso naquel momento. Antonio (que así se chamaba o dono) deume mala espiña... 

Ao día seguinte levanteime cedo, almorcei coma un raio, collín a miña cámara e marchei investigar. 

Cando cheguei ao museo arrepióuseme a pel, faltaban máis cousas e había máis destrozos! Indaguei e fixeime que Antonio se apartara sixilosamente. Umm, que estaría tramando? 

Agacheime ata que se fixo de noite e, mentres esperaba, entrou alguén. Estaba escuro e non podía ver quen era. Seguino. Saqueille unha foto coas mans na masa, viñera retirar pistas! Ao verme, saíu a fume de carozo. 

Coa miña axuda os axentes esclareceron o que sucedera. Comprendino todo, Antonio quería que os danos fosen maiores para cobrar máis cartos. Non levei gran sorpresa, a verdade. 

Alba Villar Crugeiras (Ceip Amor Ruibal, Barro)


O raposo Luke 

ERA UNHA vez un neno que se chamaba Xurxo. Xurxo era divertido, solidario e gustáballe a reciclaxe. 

Un día, Xurxo estaba na súa casa estudando para un exame de lingua cando, de pronto, quedou durmido (el non o sabía). Soñou que estaba nun bosque, con todas as árbores arredor de si, había mouchos durmindo nos seus agochos, esquíos roendo noces... El estaba descalzo, pero os seus pés non lle doían, todo o contrario, sentíase cómodo ao pisar a herba que medraba por volta. Despois de observar uns instantes a paisaxe, comezou a andar. Atopouse diante dun río, a area era coma unha manta de seda. Cruzouno pero non se mollou. Mentres o cruzaba observou que a auga era cristalina, e que os peixes nadaban sen medo a que os pescasen. Ao saír do río viu unha barca diante dunhas árbores, levouna ata a beira e montou nela. Cando ía montado decatouse de que non estaba só, había un raposo xunto a el, moi asustado pola presenza de Xurxo. Foron ata unha fervenza cando, de súpeto, o seu lapis caeu da mesa... 

Xurxo espertou. 

Decatouse de que no seu cuarto había alguén: o raposiño, ao que lle puxo o nome de Luke. Foi ensinarllo a súa nai, e a ela pareceulle ben que quedase na casa, pero coa condición de que o neno o coidase. 

Dende aquela quedaron co raposiño de mascota, porque era coma un can. 

Agora, cada vez que Xurxo xoga con Luke, lembra aquel marabilloso soño. 

André Vilas Ledo (Ceip Pena de Francia, Mos)

Comentarios