Blog | Non tes tu fe

Unha casa en lapas

Dúas alumnas do CEP Campolongo, a semana pasada, nunha plantación de árbores nos montes de Salcedo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dúas alumnas do CEP Campolongo, a semana pasada, nunha plantación de árbores nos montes de Salcedo. GONZALO GARCÍA

ALGÚN DÍA o planeta Terra desaparecerá por culpa dunha inevitable explosión do Sol. Parece preocupante, non si? Pero iso ocorrerá dentro de moito tempo. Dentro de milleiros de millóns de anos. Non estaremos aquí para velo. Nin os nosos netos nin os netos dos seus tataranetos. Carpe diem. Carpe diem pero con sentidiño, engado.

O anuncio da explosión do noso querido Lorenzo confirmóullelo a astrofísica viguesa Begoña Vila a 300 escolares de Pontevedra nunha videoconferencia que se celebrou o pasado 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A galega, que ocupa un posto relevante na NASA, advertiulle á rapazada que o da explosión do Sol semella tráxico, pero do que teñen que preocuparse agora é de coidar o noso planeta, que é onde vivimos.

Moitas crianzas saben máis de compostaxe que algún candidato

Moito se fala do mundo que lles deixaremos aos nosos fillos e, alomenos por unha cuestión egoísta, os que xa temos descendencia deberiamos consideralo como algo prioritario. Non fai falta pasar dos 40 anos para lembrar o moito que cambiou o clima desde que eramos pequenas, por poñer un exemplo. Daquela, cando andar de manga curta un 17 de marzo de finais dos oitenta parecía algo realmente exótico e a única cicloxénese explosiva que pasaba por Galicia era a famosa Hortensia (1984). Que alguén lle avise ao curmán de Rajoy, por favor.

Así é que non me estraña que milleiros de estudantes de toda Europa estean dando un paso adiante para dicir ben alto e claro que o coidado do medio ambiente non é algo importante, precisamente. É algo indispensable, absolutamente crucial para o futuro do planeta. Circula polas redes un mapa do continente coas cidades onde desde hai semanas se suceden manifestacións estudiantís para esixirlles aos que mandan que actúen definitivamente neste sentido. Un mapa practicamente tapado por puntiños violetas agás España. Quizais no noso país falten rapazas como Greta Thunberg, a activista ecoloxista sueca de 16 anos que o outro día participou nunha asemblea do Consello Económico e Social Europeo. Xunto a varios compañeiros e nun perfecto inglés, espetoulles a unha manda de políticos, entre eles o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, que "non hai tempo para esperar a que medremos e nos fagamos cargo" da situación. Citou o último informe do IPCC, que establece que as emisións deben acadar un máximo en 2020 e despois caer de golpe para manter o quecemento global por debaixo de 1,5 graos. "Iso é o ano que vén", subliñou. Tic tac.

Foi a mesma Thunberg a que acudiu en xaneiro ao Foro de Davos para negarlles aos políticos todo tipo de esperanza. "Non quero que estedes esperanzados. Quero que entredes en pánico, que sintades o medo que eu sinto cada día. E despois quero que actuedes, como se estiverades en crise. Quero que actuedes como se a casa estivera en lapas, porque o está".

Quizais en Galicia aínda non temos adolescentes que se fagan oír desta maneira, pero alomenos o coidado do medio ambiente e o respecto pola natureza están bastante presentes nas axendas escolares. Entre plantacións de árbores e obradoiros sobre compostaxe moitas crianzas xa saben máis deste tema que algún candidato á Alcaldía.

Falaba a rapaza sueca de 2020 (o ano que vén!), xusto cando a normativa europea de biorresiduos obriga a reciclar a metade dos restos de comida. E mentres unhas pensamos que o tema dos composteiros xa podía estar máis avanzado, outros seguen ancorados en supostas solucións máis propias do século pasado.

Comentarios