Unha lingua guapa guapa...

Fina Casalderrey e Néstor Blanco preparan os Cantos que contan nunha lingua guapa, un libro disco de poemas que verá a luz este ano

Fina Casalderrey, Ángeles Ruibal e Néstor Blanco no estudio de gravación deste último. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Fina Casalderrey, Ángeles Ruibal e Néstor Blanco no estudio de gravación deste último. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

EN PLENO centro de Pontevedra, nun patio interior entre edificios á sombra dun frondoso aguacate, agóchase un pequeno estudio de gravación. Das súas paredes de pedra penduran guitarras españolas, unha eléctrica, un baixo, un ukelele e ata un charango arxentino. Oculto tras un caixón xorde un teclado e ata un bombo legüero durme nunha esquina. É o estudio de Néstor Blanco, un músico nado á beira do Río da Prata, pontevedrés de ascendencia e, desde hai dez anos, tamén de adopción, que mestura as clases de música coas gravacións.

Hoxe ten varios proxectos entre mans e entre todos eles un moi especial. Pon música a uns poemas inéditos da escritora e académica Fina Casalderrey. Xuntos preparan un libro disco en galego que verá a luz este ano. Trátase dun proxecto coral que conta con distintas voces e entre elas, nun lugar de honra como convidada especial e compositora dalgunhas melodías, Ángeles Ruibal, cantante nada en Xeve que levou a música en galego acabalo entre Galicia e Arxentina.

Algunhas tardes quedan os tres no estudio e van dando forma ó proxecto. "Un dos soños que tiña de pequena era cantar nun escenario. Lembro de nena o son da máquina de coser de fondo e a miña nai cantando coplas en castelán; esas cousas van marcando tatuaxes na memoria", relata a escritora, para quen Cantos que contan nunha lingua guapa é "un luxo, un soño... pero tamén unha forma de ofrecer ós nenos contos para cantar en galego".

"A que neno ou que nena non lle quita un medo ou unha dor unha canción?", pregunta a académica, que confesa estar aprendendo moito. "Antonio Fraguas, ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, dicía que non aprendera nada na escola. Que o libro da vida no seu Cotobade natal lle ensinara moito. Coa música a min pásame igual. Sigo aprendendo agora".

Néstor Blanco é o encargado de crear os sons para estes temas. "Uns poemas son reivindicativos, outros de medo, de alegría, optimistas... pasa por diferentes emocións", explica o compositor.

"Hai cancións que teñen moito gancho para os pequeniños, como a do "osito gominola", pero sempre se lles pode ofrecer máis. Podes tocar a súa sensibilidade e facerlles reflexionar un chisquiño", di a autora, que recolle distintas ideas de Galicia nos seus poemas. "Galicia non é só rural. Hai unha Galicia urbana. Galicia non é só o carro, o pote do caldo e o hórreo, que tamén, nin sequera na aldea. Hai moito máis".

OS PRIMEIROSCantos que contan nunha lingua guapa dá vida a unha vella idea que levaba tempo roldando na cabeza da autora. Pero non é o primeiro contacto de Fina Casalderrey coa música. A primeira experiencia (sen contar as escolares como moreas de ensinantes) foi con Vicente Couceiro, que dirixiu un proxecto cunha orquestra e que hai dez anos musicou, cantou e representou o conto Un cesto cheo de misterios. "Resultou moi fermoso". A segunda foi con Víctor Castro, un mestre de música do Carballal, que compuxo e puxo voces a algunhas cancións nun proxecto que aínda está agardando, lembra Fina Casalderrey.

No ano 2013, a través de Xesús Alonso Montero, a académica coñeceu á Ángeles Ruibal, cantante de Los juglares que puxo voz a poemas de Lorca ou Miguel Hernández nos 70 e que agora fai o mesmo coas letras da escritora pontevedresa. Hai uns anos Ángeles musicou e cantou o poema de Fina Casalderrey O meu berro é non, contra a violencia de xénero que hoxe soa nas redes. "A súa voz potente, xunto coa enerxía que desprende, cativáronme", di Fina. A través dela chegou ata o estudio de Blanco.

O músico colle a guitarra e a cantante galegoarxentina busca o ton. Fina observa a escena cos seus poemas entre as mans. E empezan a soar acordes nunha lingua guapa: "Teño unha lingua moi longa/ con quilómetros de historia./ Leva palabras de azucre/ que aturuxan na memoria (...)".

Comentarios