Opinión

Unha man armada con libros

O PRESIDENTE brasileiro, Jair Bolsonaro, se Deus non o remedia, e non o remediou, firmou un decreto facilitando a posesión de armas. Nun país tan ben armado que cento dez persoas morren asasinadas cada día. Por armas.

Nos EE UU do excesivo Trump, comprar unha pistola, un fusil de caza, un arma semiautomática ou calquera cousa capaz de cuspir pólvora, éche tan doado como mercar aspirinas. Un poderoso lobby loita con éxito para que sexa así de fácil. Non resulta estraño que cada ano trinta e nove mil persoas sexan asasinadas no país.

Aquí o líder dunha formación política de ultradereita quere que os "españois de ben" poidan se armar ata os dentes contra os "malos". Quen son bos, quen malos, importa pouco ao canón, á culata ou ao gatillo. Como en España isto de disparar ao veciño éche raro nun dos países máis seguros e menos violentos do mundo, as diversas policías do Estado botan as mans á cabeza ante proposta tan necia.

Equivócase o señor Bolsonaro. Equivócase míster Trump. Equivócase este líder de esencias imperiais. Se queren un arma na man eficaz, que merquen un libro. Que entren nunha librería para agasallar cun libro a un amigo, para regalar a un inimigo. Se queren calmar o ardor guerreiro, que vaian á biblioteca pública. Éche un lugar sagrado de silencio, soidade fecunda, ideas e reflexión. Poden saír dalí con varios libros en préstamo gratuíto. Vexan o espectáculo: Bolsonaro, Trump, este líder patrio cun libro na man.

Unha man armada cun libro éche a máis poderosa do mundo. As armas frean a historia. Con elas volvemos ao lado escuro: tanta destrución, tanta fame, tanto sangue, tantas mortes: os catro xinetes da apocalipse. Para eles escribía Herodoto hai 2.500 anos: "Ninguén é tan necio que prefira a guerra á paz. Na paz os fillos enterran aos pais. Na guerra, os pais enterran aos fillos".

Hai libros que cambiaron a historia. Algúns foron usados como arma de destrución masiva e limpeza dogmática duns credos contra outros, aínda que dentro deles resoen palabras de paz, de piedade, de perdón. Mesmo de amor aos próximos, tamén aos inimigos. E libros hai onde collen culturas enteiras: a Odisea, El Quijote, Sempre en Galicia.

As armas de Trump, de Bolsonaro, deste líder ultramontano estimúlanse coas vísceras. As outras, os libros, activan e actívanse co cerebro enteiro, a poderosa ferramenta que nos constrúe como humanos. Necesitan do silencio cómplice capaz de unir dúas soidades, a do autor e a do lector. Enchen coa pólvora das ideas o cerebro humano. E son ben capaces de vencer coas balas das neuronas ás balas de chumbo e pólvora.

A man éche unha poderosa ferramenta da intelixencia. Somos humanos porque podemos pensar e tocar a realidade coas mans. Armadas de libros.

Comentarios