Opinión

Unhas son máis iguais cas outras

NA 'ANIMAL Farm' de George Orwell os porcos reitores da revolución animal que botara fóra ao granxeiro foron desnaturalizando, co paso do tempo, a igualdade proclamada ao comezo ("todos os animais son iguais”) para xustificar os seus propios privilexios, chegando lexislar “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”.

Da lectura da sentenza do caso Nóos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas máis iguais cás outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delito fiscal (condenada só como responsable civil a devolver o diñeiro que o tribunal entendeu se beneficiara del) por considerar o tribunal que, malia ser socia, non era administradora de feito nin de dereito da sociedade Aizoon, S.L.

Aizoon, S.L. era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Nóos, asociación teoricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha directiva na que Iñaki Urdangarin era presidente; o funcionario da Coroa García Revenga, tesoureiro; e a Borbón, vogal. A Aizoon, S.L. se lle cargaban gastos persoais en gran contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarin. E Cristina de Borbón non se enteraba. Sen dúbida unha respectable interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.

Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O tribunal decidiu condenalo polos delitos continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delito de malversación de fondos públicos. Mais o tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais aos autores non directos (Urdangarin era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutible ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarin depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante se lle aplicou ao delito de fraude á Administracion balear polo que tamén foi condenado.
Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais que as outras.

Comentarios