Universitarios desde o IES Torrente Ballester

Criptografía, análise xenealóxica e o impacto do Camiño Portugués na Boa Vila son algúns dos proxectos cos que 14 estudantes do IES Torrente Ballester apostaron polo STEMBach
photo_camera Trece dos catorce alumnos do IES Torrente Ballester que se estrearon este curso no primeiro STEMBach do centro. GONZALO GARCÍA

Nuno, Gisela, Laura e Miguel estudan 1º de Bacharelato no IES Torrente Ballester, pero ao igual que outros dez compañeiros de curso xa teñen un pé na Universidade, pois este ano son os pioneiros no seu centro en apuntarse ao STEMBach.

O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Educación é promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.

Deste xeito, estes alumnos, que tanto son de Humanidades como de Ciencias, cursan unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Así mesmo, desenvolverán en 2º un proxecto de investigación con posterior defensa pública, similar ao traballo de fin de grao, que será co-dirixido por un docente dun departamento universitario e titorizado polos profesores do propio instituto que impartan a materia de afondamento STEM. O bacharelato complétase con actividades de formación.

"Son só dúas horas á semana e tes un coñecemento extra que che vai vir ben para a Universidade", destaca o alumnado implicado

Isabel López, profesora de Matemáticas e Estatística, é a coordinadora do STEMBach no centro, onde comparte a docencia nesta iniciativa con David Castro (Lingua e ferramentas informáticas) e Cristina Ogando, de Xeografía e Historia, "que lles ensina a elaborar un proxecto científico", explica López. "Son horas que lle teñen que dedicar, están porque queren, e iso que mañá teñen exame", subliñaba o pasado martes. As universidades propuxeron os temas dos proxectos e o alumnado escolleu segundo os seus intereses.

Gisela Prieto Lusquiños, Nuria Amoedo González e Mario Blanco Boullosa traballan na Evaluación do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago a escala local, titorizado pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. "Para o ano é o Xacobeo terá moito impacto en Galicia". De momento "ten pinta de ser fácil, porque aínda que temos que analizar moitos datos somos cada un dunha modalidade e repartimos ben o traballo", sinalan.

NOVAS TECNOLOXÍAS. Ao igual que o resto dos seus compañeiros coinciden en que compaxinan sen problema o STEMBach co Bacharelato convencional. "Son só dúas horas á semana e tes un coñecemento extra que che vai vir ben para Universidade", apunta Mario. "E tamén nos actostumamos ao nivel de traballo da Universidade, todos os días, exames, traballos...", engade Gisela. Dereito, Arquitectura e Xornalismo son as súas eleccións unha vez rematado o instituto.

Javier Jorge Fernández e Manuel López Loira traballan en Como xestionar as esperas: modelos de colas, apoiados pola Facultade de Matemáticas da USC; mentres que Nuno González Santalla, Marlon Barco Bernal e Iago Iglesias Prieto desenvolven o proxecto Criptografía, titorizado por este mesmo centro compostelán. "É un tema importante na actualidade, porque coas novas tecnoloxías precísase aumentar a seguridade no sistema informático dunha empresa", sinalan.

Miguel Silva Barcala, Alejandra Rey Outeda, Lucas Domínguez Gallego e Laura Piñeiro Carballal traballan na Análise de xenealoxías para a identificación de enfermidades raras, co apoio da Facultade de Bioloxía da UVigo, mentres que a de Ciencias Económicas e Empresariais está detrás do proxecto de Gonzalo Valiñas Baños e Laura Diz Mejuto: Analizando a dieta alimentaria no meu IES: vendo máis aló do prato.

SEGUNDO CURSO. Dez institutos en toda a provincia

O Bacharelato tecnolóxico estreouse en Galicia en 2018 e neste curso chega a 31 centros da comunidade, dez deles na provincia de Pontevedra. 

Na cidade do Lérez, ademais do Torrente, o STEMBach implantouse no IES A Xunqueira II e tamén se puxo en marcha este curso no IES Johan Carballeira de Bueu. 

Os demais centros que imparten esta modalidade están en Vigo, Moaña, A Guarda, Lalín (IES Ramón Mª Aller Ulloa) e Cambados (IES Ramón Cabanillas).

Comentarios